jueves, 9 de agosto de 2012

O BNG alerta da paralización das obras de reforma da antiga Casa do Concello

Fachada leste da antiga Casa do Concello de Ordes.

Castro: "Regos ten un informe técnico coas posíbeis solucións sen que teña feito nada"

Os nacionalistas propuxeron unha consulta popular sobre o destino do edificio que foi rexeitada por UxO e PP

O portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, denunciou esta mañá que “a obra de reforma da Casa Consistorial leva nove meses paralizada, mentres o Concello segue pagando un crédito de 700.000 euros que pediu o alcalde para facer esa obra”.

Castro acusou ao alcalde de “ter gastado o diñeiro dese crédito noutras cousas e por iso agora existen dificultades para executar esa obra, nunha actitude absolutamente irresponsábel e impropia dun xestor de recursos públicos”.

O nacionalista afirmou que “esta situación demostra o desgoberno e a improvisación que caracterizan a xestión do alcalde de Ordes, que non contento con endebedar aos veciños con obras de cuestionábel urxencia e necesidade, nin sequera é quen de executalas”.

O portavoz do BNG afirmou que “o alcalde ten desde hai máis de medio ano un informe técnico coas posíbeis solucións aos problemas estruturais do edificio, sen que teña feito nada para continuar coas obras”.

Informe técnico
Segundo informou o BNG, este informe técnico de urbanismo conclue que a solución para o edificio da Casa Consistorial pasaría por unha destas tres opcións: un profundo reforzamento da actual cimentación e estructura, a construcción dunha nova cimentación e estructura, baleirando o edificio e deixando só a fachada ou, finalmente, a construcción dun novo edificio cun deseño de fachada idéntico ao actual.

Gonzalo Castro lembrou que “o BNG presentou o pasado mes de marzo unha proposta para que o Pleno acordase celebrar unha consulta popular, para que os veciños e veciñas de Ordes decidisen que solución adoptar para resolver os problemas que ten o edificio da Casa Consistorial, pero tanto UxO como o PP rexeitaron esta iniciativa do BNG”. 

*