Ordes recibe moitos menos fondos da Deputación provincial para servizos sociais que outros municipios con menos poboación, pero gobernados polo PP, segundo o BNG
Castro: "O Partido Popular utiliza as deputacións como instrumento caciquil e clientelar en beneficio de intereses partidistas"
Segundo o BNG de Ordes, o noso municipio está sendo discriminado respecto a outros de menor poboación, pero con gobernos municipais do Partido Popular. Así o asegura o seu portavoz, Gonzalo Castro, quen onte acusou aos populares de "discriminar" ao Concello de Ordes nos convenios da Deputación provincial para servizos sociais. Segundo informan os nacionalistas, o Concello de Ordes recibirá unha cantidade moi inferior á que recibirán municipios da zona con moita menos poboación.
Así, mentres o noso municipio, con 13.000 habitantes, vai recibir 37.981 euros para servizos sociais, outros concellos con moita menos poboación, pero gobernados polo Partido Popular, recibirán cantidades moi superiores. Os nacionalistas citaron os casos de municipios como Trazo que con 3.500 habitantes recibirá 68.819 euros; Tordoia, 4.200 habitantes e 51.502 euros; Rois, 4.900 habitantes e 62.057 euros, ou Padrón, 8.900 habitantes e 72.529 euros.
Incluso, concellos máis próximos a Ordes en poboación, como Santa Comba, con 10.000 habitantes, recibirán o dobre de recursos que o Concello de Ordes, en concreto 75.578 euros, segundo as cifras citadas polo BNG de Ordes.
As críticas de Castro tamén trasladáronse ao alcalde, Manuel Regos, a quen culpa de “manter un silencio cómplice diante desta discriminación e maltrato do PP aos veciños e veciñas de Ordes”.
Nese sentido, enfatizou que “Ordes precisa dun alcalde que defenda os seus intereses, non a un alcalde incapaz de defender aos seus veciños e que nin está nin se lle espera cando estes son maltratados”.
Gonzalo Castro (BNG). |
A frase de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
"O comportamento do goberno do Partido Popular na Deputación da Coruña, con respecto aos convenios para servizos sociais, é unha proba máis de porque este partido se nega a eliminar as Deputacións, porque as utiliza como instrumento caciquil e clientelar en beneficio de intereses partidistas”
*