lunes, 13 de agosto de 2012

Pedreira: "Se Rajoy suprime as axudas aos parados de longa duración, 400 ordenses terán un grave perxuizo"

Os socialistas de Ordes reivindican manter o programa Prepara para evitar a desprotección de desempregados do municipio

Os socialistas de Ordes reivindican que o Goberno de España manteña o programa Prepara, dirixido a persoas que agotan a súa prestación por desemprego, porque a súa eliminación suporía un grave prexuízo para preto de 400 persoas paradas de longa duración no municipio. 

Nunha proposta que trasladarán ao vindeiro pleno municipal, solicitarán que o programa se prorrogue polo menos ata o 15 de agosto de 2013 e que o Goberno coordine mellor as políticas activas de emprego e as axudas económicas de acompañamento para evitar a exclusión social.

O portavoz do PSdeG-PSOE de Ordes, Xesús Pedreira, considera que “se o Goberno de Mariano Rajoy suprime esta axuda e as demais medidas do programa Prepara, en Ordes prexudicaría especialmente ás persoas desempregadas dos sectores do textil e da construcción”. 

Risco de exclusión social
Os profesionais destes dous ámbitos foron os primeiros en sufrir as consecuencias da crise e veríanse abocados a situacións de risco de exclusión social coa eliminación do Prepara.

Pedreira explica que “non podemos permitir que o Plan Prepara desapareza porque, coas circunstancias actuais, é a única fonte de subsistencia dos cidadáns que agotan o desemprego e que non teñen máis que eses 400 euros para poder vivir”. 

Ademais, defende que o programa demostrou unha considerable eficacia porque propiciou a mellora da empregabilidade de máis de 450.000 desempregados desde que entrou en vigor.

Fronte a un Goberno que “coa súa actuación agrava día a día o problema do paro e as súas consecuencias máis negativas para os cidadáns”, os socialistas pensan que se deben manter e incrementar políticas que, como o Plan Prepara, combinen medidas activas de orientación, formación e recalificación, ao tempo que faciliten unha axuda de renda ás persoas desempregadas.

Xesús Pedreira Mirás (PSOE).
A frase de Xesús Pedreira, portavoz municipal do PSdG-PSOE de Ordes
"A desaparición do Plan Prepara suporía un despropósito máis en materia de emprego por parte do Goberno do PP, con resultados moi negativos"

"Tras a reforma laboral que abaratou e facilitou o despido e o recorte do 54% nas achegas ás autonomías para políticas activas de emprego" 

"O Goberno do PP vai causar unha fractura social con máis paro, menos protección, menos dereitos e con menos políticas activas para favorecer a empregabilidade dos parados, en contra das recomendacións do Consello Europeo”

*