lunes, 13 de agosto de 2012

COMEZAN AS FESTAS DE ORDES!



Dende mañá e ata o venres, a nosa vila recibirá a miles de visitantes

Como é habitual, a N-550 sufrirá un peche á altura da nosa vila 

A vila de Ordes celebrará as súas festas patronais na honra a Santa María a partir de mañá martes e durante os tres próximos días. 

Mércores, 15
O día 15 haberá misa ás 12:00 horas, e a continuación se sacará a imaxe de Santa María, patrona de Ordes, en procesión polas principais rúas da vila. A orquestra La Bámbola será a protagonista da sesión vermú, ademáis de contar coas actuacións da banda de música de Lousame e do grupo de gaitas Os Viqueiras de Ordes. 

Xa á noite, a orquesta Olympus nos fará bailar a todos cun gran espectáculo sonoro e visual.

Xoves 16, día do emigrante
O xoves día 16, a xornada estará adicada aos emigrantes. Así ás 13:00 horas haberá unha ofrenda floral no monumento adicado a súa figura situado a carón da Casa do Concello, así coma un acto litúrxico. Este ano as homenaxeadas serán as irmás María e Adela Calvo Veiras, emigradas a América. 

Posteriormente desfrutaremos coas actuacións da Banda de Música de Ordes, dos Viqueiras de Ordes, ademáis das orquestas París de Noia e Armonía Show entre outras sorpresas
   
Venres, 17
Por último o venres 17 de agosto a charanga Ruada e grupo Bahía Blanca porán a nota musical no turno de mañán, mentres que a orquestra Panorama será a encargada de facelo na verbena nocturna, coa que se pechará o programa festivo deste ano.

Peche da N-550
Como ven sendo habitual durante as festas da vila de Ordes, a N-550 estará cortada dende as 15:00 horas de mañá ata as 08:00 horas do sábado 18. Dende o sul cara a Coruña, o desvío se producirá polas rúas Rosalía Castro, Lagartos e nova variante leste. Dende o norte cara Santiago de Compostela, pola nova variante leste, rúa do Paraíso, Lagartos e rúa de Galicia. A policía local de Ordes recomenda o uso da variante leste nos desprazamentos norte-sul e sul-norte pola N-550 ao seu paso pola vila de Ordes.  

Estará prohibido aparcar no aparcamento anexo da Alameda e na avenida de Alfonso Senra, entre os números 109 e 126. A O.R.A. en zona azul estará operativa durante todos os días de celebracións.

A parada de Monbús en dirección Santiago de Compostela será ubicada provisionalmente no número 120 da avenida de Alfonso Senra, fronte ao comercio Javier Alfonso. En dirección a Coruña, se situará no número 137 desa mesma avenida, fronte ao bar Mira.

*