domingo, 5 de agosto de 2012

O PP de Ordes insta ao Concello a publicar na web o informe previo do PXOM


Martínez Sanjurjo: "A nosa solicitude pretende transparentar o contido do documento e que os interesados poidan consultalo"

O portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, ven de rexistrar no Concello unha solicitude formal para instar ao Goberno local a "publicar de inmediato" na web municipal a totalidade do documento remitido á Xunta de Galicia para a elaboración do informe previo á aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

A solicitude do Partido Popular pretende "transparentar o contido do PXOM", e que os interesados poidan ter acceso para consultar a documentación que o integra.

Segundo os populares, na fase anterior, cando o PXOM estivo en período de suxestións, "o Concello resistiuse a publicalo na web"  e só acabou facéndoo "como consecuencia da presión exercida polo PP". O PP de Ordes tamén critica a negativa do Goberno municipal de expoñelo ao público polas parroquias, como xa demandaran os populares. 

Martínez Sanjurjo.
Informar aos veciños
Martínez Sanjurjo basea esta solicitude na aplicación da lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia que, no seu artículo 100, sinala que “os instrumentos de ordenación urbana, con tódolos seus documentos, tanto se se atopan aprobados como durante a súa tramitación, serán públicos e calquera persoa poderá, en todo momento, consultalos” e mesmo “obter copias deles”.

O Partido Popular considera que o mellor xeito de dotar de transparencia a estes documentos á publicalos na páxina web do Concello de Ordes.