viernes, 24 de febrero de 2012

Pedreira: "A Xunta gastoulle unha entroidada á comunidade educativa de Ordes"

O concelleiro socialista denuncia a instalación do salvaescaleiras do CEIP Castelao,en contra da opinión do Consello Escolar e o informe técnico

Considera tamén “un despilfarro absurdo" poñer un elevador "que ninguén o vai utilizar"  


A Agrupación Socialista de Ordes denunciou hoxe que a Xunta de Galicia procedeu á instalación do salvaescaleiras do CEIP Castelao aproveitando as pasadas vacacións escolares de Entroido. Un salvaescaleiras que causou un accidente moi grave en setembro de 2011, que estivo a piques de costarlle a vida a un alumno do centro que, afortunadamente e despois de bastante tempo, recuperouse.

O secretario xeral dos socialistas ordenses, Xesús Pedreira, denunciou que dende a Consellería de Educación “aproveitaron as vacacións de Entroido para, con nocturnidade e alevosía, colocar de novo este salvaescaleiras en contra do sentir do Consello Escolar e mesmo en contra dos distintos informes técnicos que advirten dos problemas de seguridade que orixina esta instalación”. Pedreira considera que a Xunta “gastoulle unha entroidada de mal gusto á comunidade educativa de Ordes”.

Neste sentido, compre lembrar que a finais de xaneiro a comunidade educativa ordense movilizouse contra a instalación deste salvaescaleira, situación que dende a Consellería de Educación resolveron co compromiso de estudiar as demandas dos pais e nais. Uns pais e nais que no Consello Escolar do 29 de novembro de 2011 manifestaran a súa oposición á reposición do salvaescaleiras e que recibiron tamén o apoio do pleno municipal de Ordes, grazas a unha iniciativa presentada polos socialistas, para que se instalase un ascensor en vez do accidentado salvaescaleiras. “Agora, coa súa forma de actuar ás agachadas, demóstrase que os compromisos que fixeron diante da dirección do Centro a finais de xaneiro non foron máis que un brindis ao sol á espera da primeira ocasión para repoñer o salvaescaleiras”, sinala Xesús Pedreira.

Mellor un ascensor
O concelleiro socialista sorpréndese da despreocupación da Xunta de Galicia diante deste caso e lembra a existencia de “dous informes técnicos, elaborados pola arquitecta técnica municipal e por un arquitecto externo, que coinciden en sinalar que a solución máis aconsellable dende un punto de vista técnico é a colocación dun ascensor adaptado e a retirada do salvaescaleiras existente por motivos de seguridade”. Xesús Pedreira considera que, coa súa actitude ao repoñer unilateralmente o salvaescaleiras, “a Consellería de Educación demostra que non quere escoitar as xustas demandas da comunidade educativa e do Pleno Municipal de Ordes, senón que tampouco fai caso dos informes técnicos desfavorables”.

De feito, o director xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias da Xunta, Roberto Castro García, vén de respostar a unhas preguntas presentadas polos parlamentarios socialistas sobre o accidente do Castelao. Unhas respostas que incrementan a sensación de inseguridade para os socialistas ordenses pois a propia Xunta recoñece: “en relación á cadeira elevadora que sufríu a avaría, hai que apuntar que non existe normativa legal que requira autorización previa para o seu uso por parte da Administración e tampouco existe protocolo algún de mantemento”.  

Nesa resposta parlamentaria, a Xunta recoñece que a avaría tivo lugar “debido a un desgaste excesivo dos rodillos de guiado das rodas motrices, producindo unha saída do recorrido”. Unha explicación que non satisfai aos socialistas ordenses, pois “fálase de desgaste excesivo nunha instalacións que foron colocadas pouco tempo antes”.

 Informe técnico municipal
A principios deste mes de febreiro, a Agrupación Socialista de Ordes desvelou a existencia dun informe técnico municipal que indica que “para a instalación do salvaescaleiras procedeuse á colocación dunha estrutura metálica a base de elementos tubulares anclados ao pavimento das escaleiras na súa base e anclada lateralmente a un tabique presumiblemente de reasilla cerámica e enfoscado. O citado tabique presenta desperfectos nos puntos de anclaxe podendo ser debidos ás cargas ás que se atopa sometido pola acción do salvaescaleiras”. Ademais, recorda que estas escaleiras teñen unha antigüidade estimada de máis de trinta anos, segundo datos catastrais.

A técnico municipal considera que “a instalación pode non ser segura, posto que non quedan garantidas as condicións de seguridade absoluta e solidez da parede onde se suxeita parte da estrutura metálica que serve de apoio ao elevador, posto que, dende un punto de vista construtivo, os tabiques son concebidos para dividir ou pechar espazos interiores, sen función estrutural”. Por todo isto, e unha vez analizada a normativa de accesibilidade aplicable, os informes conclúen que “a solución máis aconsellable dende un punto de vista técnico é a colocación dun ascensor adaptado e a retirada do aparello elevador existente nas escaleiras”, lembrando que o CEIP Castelao dispón de lugares aptos para a súa colocación.

Cómpre lembrar que tanto a Agrupación Socialista de Ordes como o PSOE no Parlamento de Galicia teñen presentado distintas iniciativas a raíz do accidente acontecido o 20 de setembro, cando o desprendemento dun salva-escaleiras feriu a un alumno con problemas de mobilidade que neses intres o estaba utilizando. Ademais dunha ampla batería de preguntas, os socialistas presentaron unha Proposición Non de Lei que insta á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a que atenda as demandas da comunidade educativa do CEIP Castelao e realice a instalación dun ascensor como solución máis axeitada e segura para a eliminación das barreiras arquitectónicas no centro.

Xesús Pedreira Mirás.
As frases de Xesús Pedreira, concelleiro do PSdG-PSOE de Ordes
“Finalmente, a solución adoptada pola Xunta foi a de repoñer o salvaescaleiras no mesmo lugar, cunha anclaxe diferente, e o compromiso de facer no futuro comprobacións periódicas. Pero esta mesma semana a comunidade educativa de Ordes xa tivo constancia de como son os compromisos da Xunta 

“Nunha época de recortes é totalmente absurdo colocar un salvaescaleiras que non vai a utilizar ningún alumno, pois o único neno que o empregaba non o quere utilizar dado o medo extremo que ten e polas secuelas psicolóxicas que lle quedaron a raíz das lesións que tivo no accidente”