miércoles, 8 de febrero de 2012

Os socialistas de Ordes lembraron esta mañá aos once fusilados de Boisaca


Tamén foi homenaxeado Manuel del Río Mandayo, primeiro secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, fusilado en outubro do ano 1936

A Agrupación Socialista de Ordes realizou esta mañán no camposanto compostelán de Boisaca unha homenaxe aos once veciños de Ordes que foron fusilados en Boisaca tal día como hoxe de 1937 “polo único feito de pensar de forma diferente ao réxime franquista”, explicou o secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, quen depositou un ramo de rosas diante do monumento levantado a estes once veciños nun dos muros de entrada do camposanto, pois “aínda é o día de hoxe que non sabemos onde está a fosa común na que foron soterrados en Boisaca”, sinalou Pedreira Mirás.

Podes ver o vídeo facendo clic baixo estas liñas:


Unha homenaxe que os socialistas de Ordes realizaron co gallo do 75 aniversario das mortes destes once veciños e no que estiveron acompañados por familiares de catro dos fusilados (concretamente de Manuel Moure Rey, Miguel Ángel Jesús Caamaño e os irmáns Manuel e José del Río Pampín) así como polos deputados autonómicos socialistas Silvia Fraga, Xaquín Fernández Leiceaga, José Manuel Lage Tuñas e Luis Toxo Ramallo, que mesmo deu lectura a un poema de Nicolás Guillén na memoria dos fusilados. Ao acto tamén asistiron membros das agrupacións socialistas da comarca.

Monumento aos fusilados de Boisaca.
Manuel del Río Mandayo
A Agrupación Socialista de Ordes depositou en Boisaca un ramo con doce rosas vermellas, “once polos veciños fusilados hai 75 anos e unha rosa máis en homenaxe a Manuel del Río Mandayo, primeiro secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, que tamén foi fusilado en outubro de 1936”, apuntou Xesús Pedreira. Así mesmo, o secretario xeral dos socialistas ordense sinalou a “coincidencia deste 75 aniversario co xuízo que se lles está a facer a Garzón e que demostra que, 75 anos despois, os familiares seguen sen ter dereito a saber onde descansan os restos dos seus seres queridos. É triste que 75 anos despois sega a haber xente soterrada nas cunetas e que non se poida facer nada”.

Xunto a Manuel del Río Mandayo, os homenaxeados esta mañá foron: Manuel del Río Pampín, José García Fernández, Ángel Jesús Caamaño Villaverde, José del Río Pampín, José Pérez Sanmartín, Paulino Pérez García, José Vázquez Mandayo, Benito Vilariño Liste, Manuel Moure Rey, Andrés Nogareda e José Iglesias Vilariño. Todos eles foron condeados a morte nun consello de guerra, integrado por sete militares do Exército Nacional, celebrado en Santiago o 22 de decembro de 1936, e fusilados en Boisaca hai 75 anos.

*