Gonzalo Castro: "Trátase dunha proposta con connotacións ideológicas que non concita o consenso da cidadanía"
O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, anunciou hoxe que “o BNG non participará na comisión municipal, que acordaron impulsar UXO e PP no último Pleno, para estudar a posibilidade de adicar unha rúa de Ordes a Manuel Fraga Iribarne”.
Castro manifestou que “o BNG oponse a que se gasten recursos públicos reunindo unha comisión municipal para a aprobación dunha rúa co nome de Manuel Fraga, por ser unha proposta con connotacións ideolóxicas e que non concita o consenso da cidadanía”.
O portavoz do BNG fixo fincapé en que “adicar unha rúa a unha persoa que ocupou importantes cargos institucionais non forma parte de ningunha disposición legal, nin de ningún compromiso institucional obrigado, nin tan sequera das normas de cortesía institucional. Esta proposta só obedece a unha decisión política de dereita ordense, de UxO e PP, que pretende impor un recoñecemento social perenne a unha figura socioloxicamente controvertida e sobre a que non existe consenso social”.
Gonzalo Castro salientou que “coa creación desta comisión preténdese honrar ao que foi durante tanto tempo referente histórico da dereita española, cando hai infinidade de propostas de nomes que suscitarían o consenso e que podían formar parte do noso rueiro: de acontecementos históricos, de lugares, de obras artísticas e por suposto de persoas nas que estiveramos todos e todas de acordo”.
O portavoz do BNG xustificou a oposición dos nacionalistas a adicarlle unha rúa a Fraga aludindo a que “a intención de UXO e PP de aprobar unha rúa co nome de Manuel Fraga, esnaquiza por completo o consenso acadado no ano 2007 pola corporación municipal de Ordes que, a iniciativa do BNG, acordou modificar o rueiro do noso concello cambiando os nomes da rúas que homenaxeaban a persoas relacionadas coa sublevación militar, a Guerra Civil e a represión da Ditadura Franquista. Acordo que daba cumprimento ao disposto no artigo 15 da Lei de Memoria Histórica”.
*