miércoles, 22 de febrero de 2012

O BNG proporá no Pleno de mañá un plan de reactivación da movida de Ordes

Tamén proporán que o Pleno pida á Xunta a cesión do centro comarcal para destinalo a local social xuvenil

Castro esixirá explicacións ao alcalde por ter deixado marchar o festival Brincadeira
 
Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes, anunciou hoxe que no pleno que se celebrará este xoves, ás 20:00 horas, debatirase unha moción dos nacionalistas onde se propón que se “acorde a creación e impulso dunha comisión con participación de todos os grupos políticos con presenza na Corporación e dos representantes dos hosteleiros, para aprobar un plan de reactivación do sector do ocio nocturno en Ordes”.

Castro salientou que “Ordes atópase práticamente a medio camiño entre A Coruña e Santiago, e posue establecementos de primeiro nível, coa emblemática discoteca LP45 á cabeza, isto constitue un potencial que hai que aproveitar, para iso é necesario modernizar a oferta, reiventarse e facer unha aposta clara pola calidade”.

Para o portavoz do BNG “a comisión que se constitua para aprobar este plan estudará as ventaxas comparativas deste sector en Ordes con respecto aos concellos que compiten directamente co noso, poñendo en valor as mesmas, para lograr diferenciar a oferta do ocio nocturno de Ordes, creando unha marca propia, fácilmente diferenciable, da movida ordense”.

Gonzalo Castro fixo fincapé no “importante apoio do Concello que precisa este sector, sobre todo no tocante á elaboración de campañas de promoción do ocio nocturno en Ordes, que deben basear a estratexia de captación de visitantes na aposta pola calidade, a diversificación de ofertas de ocio e a programación de eventos”.

Cesión do centro comarcal
O portavoz nacionalista anunciou tamén que o Pleno debatirá unha moción do BNG para que “o Pleno inste á Xunta de Galiza a ceder as instalacións do centro comarcal ao Concello de Ordes, co acordo expreso de destinalo a local social e de ocio para os mozos e mozas”.

Castro salientou que “as instalacións existentes no centro comarcal levan moito tempo inutilizadas e resultarían moi axeitadas para a dotación dun local social xuvenil amplo e convenientemente equipado, sen apenas custo para as arcas municipais” .

Reforma laboral
O BNG proporá que o Pleno inste ao Goberno central a derogar a reforma laboral e a “acometer unha mellora das relacións laborais, en base ao consenso e negociación cos representantes sindicais, que protexa ás persoas traballadoras fronte á precariedade laboral e inclúa estímulos reais para a xeración de emprego de xeito inmediato”, segundo manifestou Gonzalo Castro, para quen “a reforma laboral aprobada polo goberno central só provocará máis precariedade e máis paro”.

Gonzalo Castro, portavoz do BNG de Ordes.
Festival Brincadeira
O portavoz nacionalista pediralle explicacións ao alcalde de Ordes, Manuel Regos, por “deixar que o Festival Brincadeira se vaia para Cambre, ao negarse a prestar ningún tipo de colaboración para a organización deste importante evento”.

O portavoz do BNG de Ordes salientou que “resulta lamentábel que agora que o Festival Brincadeira conseguiu convertirse nunha referencia a nível estatal, como o atestigua o éxito da súa última edición, que contou cun cartel con grupos de primeiro nível e coa asistencia de perto de 20.000 persoas, teña que irse do noso concello pola desidia e a incapacidade de alcalde”.

*