Gonzalo Castro considera un "fraude" á cidadanía esta medida e propón un encontro privado entre PP e UxO e que eleven a proposta ao pleno como moción conxunta
Cada membro da comisión municipal cobrará 105 euros por indemnización por asistencia
O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, reiterou hoxe que o BNG non participará na Comisión Municipal de Urbanismo, convocada para pasado mañá, mércores, a iniciativa de UXO e PP, para estudar a posibilidade de adicar unha rúa de Ordes a Manuel Fraga Iribarne. Castro calificou de “auténtico fraude aos veciños que PP e UxO gasten case mil euros dos recursos públicos en dietas coa reunión unha comisión municipal de urbanismo para a aprobación dunha rúa co nome de Manuel Fraga”.
O portavoz do BNG salientou que “se UxO e PP queren consensuar entre eles esa proposta, poden organizar unha reunión entre ambos partidos e levar esa proposta como unha moción conxunta ao Pleno, mais o que é inaceptábel é que convoquen unha comisión municipal de urbanismo, que debería estar para outros asuntos, gastando case mil euros dos veciños de Ordes”.
Exemplo da parálise
Castro fixo fincapé en que “adicar unha comisión de urbanismo a tratar a aprobación dunha rúa Manuel Fraga constitue un claro exemplo da parálise dun goberno municipal que, ao non ter outros asuntos que tratar, adícase a encher as ordes do dia das comisións municipais con propostas como ésta de dubidosa utilidade, con connotacións ideolóxicas, e que non concitan o consenso da cidadanía, contando para iso coa complicidade do PP”.
Negativa do BNG
Para o portavoz do BNG “adicar unha rúa a unha persoa que ocupou importantes cargos institucionais non forma parte de ningunha disposición legal, nin de ningún compromiso institucional obrigado, nin tan sequera das normas de cortesía institucional. Esta proposta só obedece a unha decisión política de dereita ordense, de UxO e PP, que pretende impor un recoñecemento social perenne a unha figura socioloxicamente controvertida e sobre a que non existe consenso social”.
Gonzalo Castro salientou que “coa aprobación desta rúa preténdese honrar ao que foi durante tanto tempo referente histórico da dereita española, cando hai infinidade de propostas de nomes que suscitarían o consenso e que podían formar parte do noso rueiro: de acontecementos históricos, de lugares, de obras artísticas e por suposto de persoas nas que estiveramos todos e todas de acordo”.
Gonzalo Castro, portavoz do BNG de Ordes. |
Acordo de 2007 do Pleno
Canto se cobra por traballo en Comisión?
O Concello de Ordes indemniza por asistencia a cada membro da comisión coa cantidade de 105 euros. Na actualidade, forman parte dela catro concelleiros de UxO, tres do Partido Popular, un do BNG e outro máis do grupo mixto.
^*
*