martes, 14 de febrero de 2012

Menús saudables e económicos para os fogares ordenses

A segunda sesión do obradoiro de economía doméstica terá lugar mañá mércores, de 10:00 a 11:30 horas, no local cultural da rúa Reconciliación

O local cultural que o Concello de Ordes ten na rúa Reconciliación acollerá mañá mércores 15 de febreiro a segunda e última sesión do obradoiro de Economía Doméstica. Trátase dunha iniciativa totalmente gratuíta organizada pola Mancomunidade de Municipios de Ordes e á que poden asistir calquera veciño ou veciña da comarca sen necesidade de inscrición previa. A sesión terá lugar de 10:00 a 11:30 horas.

Durante esa hora e media, a educadora familiar da Mancomunidade de Ordes, Begoña Lorenzo, fará especial fincapé nas distintas receitas saudables e económicas. “Imos proporcionarlles receitas de primeiros e segundos pratos, así como postres saudables e que podemos facer por poucos cartos. Ademais, as alumnas quedaron a semana pasada de traer elas tamén as súas propias propostas para intercambiar na clase”, explica Begoña Lorenzo.

Planificación de compra
A educadora familiar da Mancomunidade de Ordes sinala que “hai moitos consellos que teñen que ver coa planificación da compra. Por exemplo, se no canto de comprar sempre un quilo de bistecs mercas un quilo de carne para guisar ou de carne picada, poderás combinalo máis e darache para máis pratos: macarróns, espaguetis, guisos con patacas ou con verduras, etc”. Ademais, rematará de comentarlles aos asistentes os distintos consellos que poden seguir para aforrar en materia de combustible, auga, electricidade, calefacción, telefonía, alimentación ou gastos bancarios.


*