martes, 14 de febrero de 2012

Castro ofrécelle a Regos negociar os orzamentos municipais

O portavoz do BNG de Ordes considera que as contas deben orientarse a investimentos que promovan a creación de emprego no noso municipio

Un plan de saneamento municipal, un viveiro de empresas e a dinamización da praza de abastos son as peticións dos nacionalistas

O portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, emprazou hoxe ao alcalde de Ordes, Manuel Regos, “a cambiar a súa actitude de autismo político que está a manter, e abrir unha negociación para a aprobación dos orzamentos municipais de 2012”. Castro puxo de manifesto a disposición do BNG a “negociar a aprobación duns orzamentos muncipais que poidan contribuir a sacar a Ordes da situación de paralise na que se atopa na actualidade, porque o que resulta urxente e prioritario é solucionar os problemas dos veciños e veciñas de Ordes”.

O portavoz do BNG de Ordes salientou que os obxectivos que deben perseguir os Orzamentos Municipais deben ser “a dinamización económica do Concello, a creación de emprego e resolver o pagamento das facturas pendentes cos proveedores”. Castro fixo especial fincapé en queos Orzamentos de 2012 deben orientarse á realización de investimentos que promovan a creación de emprego en Ordes, como un viveiro de empresas ou o impulso e promoción da praza de abastos”.

Para o portavoz nacionalista “os Orzamentos tamén deben incluir un plan de saneamento que intente paliar a xestión absolutamente caótica e irresponsable dos últimos anos, que ten colocado ao Concello nunha situación crítica, cunha débeda que se achega aos oito millóns de euros”.

UxO e PP, responsables
Gonzalo Castro tamén criticou a actitude de UxO e PP, que para o nacionalista son “os responsábeis da situación de paralise que vive Ordes, o alcalde e o seu goberno pola súa falta de iniciativa a e súa actitude autista e carente da máis mínima disposición ao diálogo, e o PP pola actitude irresponsábel que está a manter, primando os seus intereses partidistas por riba dos intereses dos veciños e veciñas de Ordes, como o demostra o feito de que manteña paralizadas, desde o Goberno da Xunta, actuacións tan importantes como a Rolda Leste ou a estrada de Ordes a Cerceda”.

Gonzalo Castro.
A frase de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
"Reitero a miña disposición a negociar os orzamentos municipais para o 2012, condicionando o apoio do BNG a que se conteñan medidas para crear emprego, con actuacións como o viveiro de empresas ou a praza de abastos, ademáis dunha priorización do gasto que dote de recursos aos servizos públicos básicos e atenda o pago das débedas cos proveedores do Concello”

*