Martínez Sanjurjo, portavoz do PP de Ordes. |
“O Grumir desaparece porque o Concello non soubo priorizar o destino dos cartos públicos”, asegura o portavoz popular
O grupo municipal do Partido Popular de Ordes informou hoxe de que defenderá no pleno municipal de mañá, unha moción para instar ao Concello a reconsiderar a decisión de despedir aos quince integrantes do Grumir local, aos que rescindiu os seus contratos o pasado 31 de decembro.
Para o portavoz municipal do PP de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, “a supresión do Grumir obedece en boa parte á nefasta xestión do Concello, que non soubo priorizar o destino dos cartos públicos”, xa que Regos preferiu destinar o orzamento municipal a actuacións como a ampliación da Alameda, un novo edificio para o Concello ou unha cafetería de luxo para o campo de fútbol, en lugar de desenvolver unha xestión responsable e acorde coas necesidades dos veciños, esquencendose completamente do aforro nas arcas municipais.
Reconsiderar gastos
Con todo, e para reconducir a situación, os populares de Ordes propoñen que ademais de utilizar as subvencións procedentes doutras administracións coas que xa conta o Concello, como a concedida recentemente pola Deputación da Coruña, habilite partidas propias coas que contribuir ao mantemento do Grumir.
A tal efecto, Martínez Sanjurjo, proporá ao pleno que o Concello dedique ao Grumir unha parte dos cartos que se destinan ao alugueiro de carpas -máis de 60.000 euros no ano 2008, por exemplo-, a edición de folletos laudatorios, ou outras partidas semellantes, igual de prescindibles.
Martínez Sanjurjo recorda que outros concellos da provincia de características semellantes a Ordes continúan contando cos seus propios Grumir.
*