martes, 24 de enero de 2012

Sanjurjo acusa a Regos e a González de querer borrar "probas comprometedoras" cos informes técnicos da Casa do Concello

De esq. a der. Roberto González (UxO), Manuel Regos (UxO) e José Luis Martínez Sanjurjo (PP).

"O alcalde e o concelleiro de Obras teñen que dar a cara e contar a verdade aos veciños", asegura o portavoz municipal popular

O Partido Popular de Ordes informou hoxe de que cando xa transcorreron dous meses desde que o propio alcalde de Ordes recoñecera, respondendo a unha pregunta do PP, que a Casa do Concello corría risco de derrubamento como consecuencia dos danos estruturais xurdidos coincidindo coas obras que se están a acometer nela, o Concello continúa sen facilitar os informes técnicos independentes reclamados polo Partido Popular.

O portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, atribúe este retraso ao intentos do alcalde, Manuel Regos, e do concelleiro de Obras, Roberto González, de borrar probas comprometedoras e buscar argumentos cos que ocultar a responsabilidade directa do Goberno local sobre os problemas rexistrados na antiga Casa Consistorial. O portavoz municipal popular informa ademais que volverá reclamar eses informes técnicos no Pleno previsto para o próximo xoves, nun novo intento de aclarar as crecentes dúbidas que rodean este asunto.

As frases de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes
“É evidente que o risco de derrube, recoñecido polo propio alcalde cando afirmou, literalmente, que `estivo a punto de vir todo abaixo´ é consecuencia dunha mala planificación das obras e dunha presunta actuación temeraria consistente na retirada da tabiquería interior que sustentaba o edificio"

“Regos e González teñen que dara cara e dicirlle a verdade aos veciños, xa que a actitude mantida ata o de agora non fai máis que incrementar as sospeitas de anomalías, tanto sobre o proxecto de reforma da Casa Consisotorial, como sobre a execución material das obras”

“Ordes non precisaba reformar a antiga Casa Consistorial, como tampouco necesitaba o novo Concello, no que se malgastaron cartos que se deberían ter dedicado a  atender as verdadeiras prioridades veciñais

*