viernes, 27 de enero de 2012

O pleno prohíbe o tránsito a camións de gran tonelaxe pola estrada Mercurín-Cerceda


O asunto da rúa Manuel Fraga será estudiado en comisión

O Concello de Ordes ofrécelle á Banda de Música un novo convenio dun fixo de 6.000 euros anuais

Na noitiña de onte tivo lugar a sesión plenaria ordinaria da corporación municipal do Concello de Ordes correspondente ao mes de xaneiro. Tras un minuto de silencio en memoria dos recentemente falecidos Manuel Fraga Iribarne e Isaac Díaz Pardo, a corporación aprobaba de xeito unánime o nomemamento de Silvia Marín como nova vogal suplente na asamblea da Mancomunidade Municipios da Comarca de Ordes.

A continuación, entráronse a debatir distintas mocións presentadas por cada un dos grupos da oposición. Abrindo este punto, Ana María Álvarez (CideGa) presentaba un ambicioso programa de aforro municipal para o periodo 2012-2014 que incluía, segundo as súas propias palabras, "unha serie de medidas moi pouco populares". Votada a súa urxencia, a moción foi finalmente rexeitada cos sete votos en contra de UxO e a abstención do BNG e PSdG-PSOE.

PEIM 2010-11
O PSOE decidiu retirar a moción pola que se solicitaba a construcción de depósitos de captación de auga para usos agrícolas e contraincendios forestais nas zonas de Barbeiros, Lesta, Parada e Vilamaior. Cunha partida de algo máis de 106.000 euros englobadas dentro do Proxecto Extratéxico de Medio Rural 2010-11 (PEIM), o equipo de Goberno manifestou a súa prioridade para investir estes cartos no arranxo de camiños e pistas rurais, finalidade para a que realmente están concebidas este tipo de subvencións. Neste eido o portavoz socialista, Xesús Pedreira, sinalou a importancia de que se acometeran este tipo de tarefas no vial do Quinto.

Tamén por parte dos socialistas presentouse unha moción en referencia a estrada de Mercurín que une Ordes con Cerceda. Petición que foi aprobada cos votos a favor de todos os grupos agás o PP que se abstivo. Nela prohíbese a circulación de vehículos de 5,5 toneladas que non estén autorizados polo Concello de Ordes. O mal estado deste vial é provocado polo numeroso tráfico pesado que diariamente se dirixe á pranta de Sogama. Precisamente esta semana o alcalde de Ordes, Manuel Regos, mantivo diversas xuntanzas tanto con persoal da Deputación da Coruña como da Xunta de Galicia que lle amosaron a súa predisposición a iniciar as obras de mellora en canto o Goberno central dé o seu visto bo.

Estación da Pontraga
Por parte do BNG rexeitouse a moción que solicitaba a revisión do convenio de cesión do uso da estación da Pontraga e a súa entorna, pola que se está a pagar 11.000 euros anuais a Adif. A concelleira do BNG, Montserrat Rei salientou que “é inaceptábel que o Concello ademáis de asumir os gastos de conservación desta infraestructura e do seu entorno, teña que facer fronte ao pago dun canon case 11.000 euros anuais ao ADIF, sen destinala a ningún fin de interese para a veciñanza, tendoa simplemente abandonada e pechada”.

O mesmo ocurriu coa proposta para manifestar o rexeitamente á suba do IBICastro anunciou que “a aplicación deste Real Decreto suporá un incremento do que están pagando os veciños e veciñas de Ordes na actualidade en concepto de IBI dun 10% no recibo de 2012 e dun 22,5% no recibo de 2013, o que obrigará a un incremento impositivo que prexudicará á cidadanía, cun grave impacto nas economías domésticas”.

Unha decisión a de rexeitar a proposta, establecida dende o Goberno Central para tratar de reducir o déficit público. Tal e como explicou Silvia Marín dende o Concello “rexeitan gravámenes innecesarios para os veciños nestes tempos de crise, pero negarse a facelo suporía incurrir nun delito con consecuencias penais para o Concello”.


Banda de música
O que sí se aprobou foi a moción de apoio á banda de música municipal e a escola de música. Segundo manifestou Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordesos profesores da Escola de Música teñen 2 meses sen cobrar do pasado curso 2010/2011, sen que teñan cobrado tampouco ningún mes do actual curso 2011/2012”. O portavoz nacionalista salientou que “a situación de abandono á que o alcalde ten condeado á Escola de Música, chega ao extremo de non pagar á persoa encargada da limpeza das instalacións da Escola, que desde o mes de maio non está a percibir ningunha cantidade do Concello, facéndose cargo do pago a esta persoa a Asociación de Amigos da Música de Ordes diante da pasividade do alcalde e o seu goberno para solucionar esta situación”. 

Marín asegurou que o Concello vese imposibilitado a manter o acordo verbal ó que se chegara no ano 2007 debido a situación económica actual. Aínda así actualmente se mantén un acordo polo que se lle abonan 2.500 euros por actuación ademáis de 6.000 euros fixos. Recoñeceu tamén que se adebedan unha serie de soldos a algúns profesores e que éstes se abonarán en breve. O portavoz nacionalista acusou ao alcalde e o seu goberno de “hipocresía, porque mentres manteñen no máis absoluto afogo económico á Escola e á Banda de Música, o goberno municipal negouse, co apoio do PP, á diminución dos gastos en dietas dos concelleiros, reducindo o seu número nas comisións informativas, algo que propuxo o BNG no Pleno de outubro e que suporía un aforro de 15.000 euros anuais ás arcas municipais, cantidade que costearía o convenio de todo un ano coa Banda de Música”.

Por último precisou Silvia Marín que a pesar do inxente esforzo que lle supón ó Concello continuar con este apoio á cultura non deixarán de impartirse clases de instrumentos ós que acuden un escasísimo número de alumnos.


Grumir
Outra das mocións que prosperou foi a proposta polo PP na que solicita a consideración do despedimento dos empleados no servizo de Grumir. Manuel Regos amosou a súa confianza en que nun curto prazo de tempo as entidades encargadas de xestionar os fondos europeos que subvencionan este servizo volvan a conceder os recursos necesarios para poder proceder á contratación de efectivos. Unha contratación para a cal o Concello de Ordes non ten capacidade tal e como informou o técnico municipal ante a solicitude do alcalde. Non obstante, o alcalde Manuel Regos comprometeuse a apoiar en todo o posible á volta deste servizo para o Concello.

Ante a solicitude dos populares de dedicar o nome dunha rúa en Ordes ao recentemente falecido Manuel Fraga Iribarne, acordouse nomear unha comisión para estudiar o caso.

CEIP Castelao
No apartado de rogos e preguntas destácase a plantexada polo PSOE en referencia á colocación dun ascensor  no CEIP Castelao para alumnos con diversidade funcional. En breve dende a Consellería se instalará un novo elevador en sustitución do que recentemente sufriu unha avería e que supuxo que un alumno en cadeira de rodas salise despedido. Dende entón o rapaz presenta unha serie de secuelas psicolóxicas que non lle permiten facer uso dese elevador. Tanto dende o Concello como dende os demáis organismos académicos xa amosaron o seu a poio a esta medida, confiando en que dende a Consellería de Cultura e Educación a tomen en consideración o antes posible xa que a instalación de dito elevador está programada para o vindeiro mércores.

Por outra banda, o concelleiro de Urbanismo, Roberto González comprometeuse a facer públicos nos próximos días os informes técnicos sobre as obras de rehabilitación que se estána acometer na antiga Casa Consistorial. Tamén se adiantou que en breve se farán públicas as axudas as asociacións municipais, facendo un especial fincapé nas de tipo educativo e social.

*