viernes, 13 de enero de 2012

O PSOE de Ordes pide a prohibición do paso do tráfico pesado pola estrada de Mercurín

Pedreira: "Esta estrada está en moi mal estado, con grandes fochas, polo tráfico escesivo que soporta e, sobre todo, polos camións de Sogama"

O Partido Socialista de Ordes solicitou hoxe que se prohíba a circulación de todo tráfico maior de 5,5 toneladas, sobre todo dos camións de Sogama, pola estrada de Mercurín, que vai dende o polígono industrial de Merelle ata Ponte Portigo (no seu tramo ordense). O voceiro municipal do PSdeG-PSOE en Ordes, Xesús Pedreira, explica que “esta estrada está en moi mal estado, con grandes fochas, polo tráfico escesivo que soporta a diario, especialmente de tráfico pesado e, sobre todo, dos camións de Sogama, que como todos sabemos son de gran tonelaxe”.

As obras de mellora na estrada de Mercurín, que une o polígono de Merelle coa localidade de Cerceda, teñen un orzamento de máis de 2,8 millóns de euros procedentes do Plan Miner e foron conseguidas polo Concello de Ordes no ano 2008. O proxecto foi elaborado pola Xunta en 2010 (por un importe de 150.000 euros), polo que só resta a sinatura do convenio entre o Concello de Ordes, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Turismo y Comercio para que poidan adxudicarse as obras.

O retraso na sinatura deste convenio, informa o PSdG-PSOE de Ordes, deteriorou aínda máis un vial que xa se atopaba daquela en malas condicións. Pedreira Mirás asegura que “o mal estado desta vía contribúe a que se produzan accidentes tanto nos propios vehículos polo estado da capa de rodadura como, desgraciadamente, tamén perdas de vidas humanas, sobre todo de peóns, por carecer de beiravía e beirarrúas”. Unha situación que tamén afecta directamente ás arcas do Concello de Ordes pois “ao ser un vial de titularidade municipal, o Concello ten que asumir gran parte deses desperfectos que se producen”, explica Xesús Pedreira.

O concelleiro socialista Xesús Pedreira Mirás.
Asunción pola Xunta
Ante este retraso que xa vai para catro anos, Xesús Pedreira solicitará ao pleno municipal do vindeiro 26 de xaneiro que “se non se asina o convenio, a estrada de Mercurín sexa asumida de inmediato pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas dado que os veciños de Ordes están a asumir uns gastos por desperfectos nos vehículos que circulan por unha estrada que xa tiña que ter sido arranxada”. Ata entón, e mentres esta estrada sexa de titularidade municipal, o voceiro socialista ordense pedirá que se prohíba a circulación de todo tráfico pesado maior de 5,5 toneladas, salvo aquel que o Concello de Ordes autorice expresamente.

Os traballos de mellora e ensanche desta estrada, de 8,275 metros de lonxitude, teñen un prazo de execución de 24 meses e atravesan os lugares de  A Portela, Pedre, O Cruceiro, Bailia e Vilasenín. Na actualidade, o ancho medio desta estrada é de sete metros, dos que só 6 son aproveitables para o tráfico rodado. O novo proxecto contempla ampliar esta estrada ata acadar un ancho total da plataforma de 10 metros, con arcéns de metro e medio a cada lado. Unha nova anchura á que habería que engadir sendas cunetas dun metro de ancho cada unha.

Así mesmo, o proxecto contempla a mellora do firme da estrada, que pasará a ter unha categoría especial para soportar tráfico pesado, e varias actuacións nas cunetas para favorecer a evacuación do auga e impedir o seu taponamento pola maleza.

*