sábado, 28 de enero de 2012

Ordes acolle unha nova mostra sobre o cambio climático

A mostra consta de dezanove paneis informativos ademais de outras ferramentas divulgativas.
En colaboración co Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida)

O Concello de Ordes inaugurou o pasado xoves unha nova exposición sobre o cambio climático. ‘O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción’ pretende dar a coñecer este problema, á par que informa sobre as súas causas e consecuencias tanto a nivel global como en Galicia. Outro dos obxetivos da mostra é o de propoñer comportamentos e accións que loiten contra a degradación medioambiental, fomentando un desenvolvemento máis equilibrado.

A exposición consta dun total de dezanove paneis ilustrados e informativos, da proxección audiovisual  ‘Cambio climático: o reto do século XXI’, ademáis do módulo interactivo ‘E máis eu, cantas emisións poido evitar ?’, no cal a través dunha bicicleta os visitantes poden comprobar cantas emisións de dióxido de carbono evitarían lanzar ao aire utilizando este medio de transporte en vez doutros que precisen de combustibles fósiles

A mostra permanecerá no primeiro e segundo andar da Casa do Concello de Ordes ata o vindeiro 1 de marzo. O horario de apertura será de 08:00 a 15:00 horas de luns a venres.

En colaboración co Ceida e Inega
A exposición está organizada polo Concellería de Medio Ambiente do Concello de Ordes en colaboración co Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida) e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega), institución esta última dependente da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia. 

*