O BNG de Ordes fixo públicas o pasado venres as súas propostas para os orzamentos municipais de 2012, que ainda están sen aprobar, o que a xuizo do portavoz municipal do BNG, Gonzalo Castro, “amosa a situación de desgoberno que está a padecer o Concello de Ordes”.
Castro afirmou que o BNG defende que “os orzamentos municipais deben intentar dinamizar económicamente o Concello, crear emprego e resolver o pagamento das facturas pendentes cos proveedores”.
Gonzalo Castro enfatizou que “os orzamentos tamén deben incluir un plan de saneamento que intente paliar a xestión absolutamente caótica e irresponsable dos últimos anos, que ten colocado ao Concello nunha situación crítica, debido ao destrago de recursos públicos, cunha débeda que se achega aos oito millóns de euros.”
Finalmente, o portavoz dos nacionalistas ordenses manifestou a súa disposición a “negociar os orzamentos municipais para o 2012, condicionando o apoio do BNG a que se conteñan medidas para crear emprego, con actuacións como o viveiro de empresas ou a praza de abastos, ademáis dunha priorización do gasto que dote de recursos aos servizos públicos básicos e atenda o pago das débedas cos proveedores do Concello”.
A frase de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
”Os orzamentos de 2012 deben orientarse á realización de investimentos que promovan a creación de emprego en Ordes, como un viveiro de empresas e o impulso e promoción da praza de abastos”
*