Segundo os populares, o legado dos diferentes gobernos do expresidente no noso concello foi moi abundante
O Grupo Municipal do Partido Popular de Ordes defenderá no vindeiro pleno municipal que o Concello dedique unha rúa a Manuel Fraga, como sinal de recoñecemento á figura de quen foi presidente da Xunta de Galicia ao longo de catro mandatos e ponente constitucional.
A proposta está recollida nunha moción formulada polo PP local, que agarda contar co apoio necesario para aprobar a proposta dado que durante os catro mandatos nos que Manuel Fraga foi presidente da Xunta, Ordes dotouse dos principais equipamentos públicos cos que conta na actualidade.
Legado de Fraga en Ordes
Entre as actuacións executadas en Ordes polos diferentes gobernos presididos por Manuel Fraga atópanse o centro de saúde, o centro comarcal, a oficina comarcal da Xunta de Galicia, o recinto feiral do Mesón do Vento, o edificio dos xulgados, a Casa da Cultura, o polígono empresarial, o parque de bombeiros, a gardería pública, as concentracións parcelarias, o segundo instituto, a captación e abastecemento de auga no Mesón do Vento ou a universalización da cobertura telefónica, entre outras.
O portavoz municipal do Grupo Popular, José Luis Martínez Sanjurjo, tamén solicitou que no vindeiro pleno, previsto para o próximo xoves, 26 de xaneiro, se garde un minuto de silencio en memoria do expresidente falecido o pasado 15 de xaneiro.
Por últmo, informa o PP de Ordes que Martínez Sanjurjo asistirá mañá sábado ás exequias que se celebrarán na Catedral de Santiago de Compostela polo eterno descanso de Manuel Fraga Iribarne.
*