Xesús Pedreira lembra que os terreos xa están dispoñibles e que o Concello de Ordes ten concedidos 53.463,14 euros a cargo do PEIM
O Partido Socialista de Ordes proporá ao pleno municipal de Ordes, que se reunirá en sesión ordinaria o vindeiro xoves 26 de xaneiro, a construción de depósitos de captación de auga para tarefas de usos agrícolas e contraincendios forestais nas parroquias de Barbeiros, Vilamaior, Parada e Lesta. Unhas obras que se farían con cargo aos 53.463,14 euros que lle corresponden ao Concello de Ordes con cargo aos Proxectos Estratéxicos de Infraestruturas no Medio Rural (PEIM Rural 2010-2011).
Xesús Pedreira Mirás. |
O PEIM Rural 2010-2011 é froito dun convenio asinado en setembro de 2009 polo daquela Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño coa Consellería do Medio Rural, que subvencionan os 12,5 millóns de euros do plan. De acordo coa poboación rural, coa extensión municipal e co número e a dispersión dos núcleos e entidades de poboación, a Ordes correspóndelle un total de 53.463,14 euros.
Medidas preventivas
O voceiro municipal do PSdeG-PSOE en Ordes, Xesús Pedreira, explica que “nas parroquias de Barbeiros e Vilamaior xa existe terreo reservado na concentración parcelaria para este fin e, no caso de Parada e Lesta, os veciños doarían o terreo para estes depósitos”. Pedreira Mirás fai fincapé na importancia da realización deste tipo de medidas preventivas, sobre todos despois dos recurtes aplicados en materia de xestión forestal e de prevención de lumes por parte da Xunta nos exercicios 2010 e 2011, cifrados en 22 millóns de euros. Na práctica, isto supuxo “o abandono das políticas de ordenación forestal e de prevención de incendios para o rural de Ordes”, denuncia o edil socialista.
*