miércoles, 25 de enero de 2012

Os nacionalistas pedirán a retirada en Ordes da suba do IBI decretada polo Goberno de Rajoy

Gonzalo Castro, portavoz do BNG en Ordes.
Tamén levarán a pleno a cesión do centro comarcal, a cancelación do aluguer da estación da Pontraga, a financiación da escola de música e a publicación do patrimonio dos concelleiros


O portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, anunciou a presentación dunha moción dos nacionalistas para que o pleno que se celebrará mañá se posicione en contra da suba do Imposto de Bens Inmóbeis de Natureza Urbana (IBI), decidida polo Goberno Central coa aprobación do Real Decreto-Lei 20/2011, pedindo a retirada desta suba e a mellora do sistema de financiamento dos concellos galegos.

No caso do Concello de Ordes, Castro anunciou que “a aplicación deste Real Decreto suporá un incremento do que están pagando os veciños e veciñas de Ordes na actualidade en concepto de IBI dun 10% no recibo de 2012 e dun 22,5% no recibo de 2013”.

O portavoz municipal do BNG manifestou que “no Concello de Ordes, o Goberno Municipal ten levado a cabo unha importante suba do IBI nos últimos anos e agora acumularase o incremento aprobado polo Goberno Central, causando un grave prexuizo á economía dos veciños e veciñas de Ordes”.

Castro enfatizou que “diante desta grave medida que obriga a un incremento impositivo que prexudicará á cidadanía, cun grave impacto nas economías domésticas e que invade as competencias municipais, o goberno municipal de Ordes non pode optar polo silencio cómplice diante da inxusta imposición do Goberno Central polo que ten optado o goberno do PP na Xunta”.

Outras mocións

O BNG tamén proporá, no pleno deste xoves, acordos sobre a cesión do centro comarcal para destinalo a local xuvenil, a cancelación do aluguer que está pagando o Concello ao Goberno Central pola estación da Pontraga e a súa cesión gratuita para destinala a usos sociais, a solución dos problemas de financiación da escola e da banda de música e a publicación na web municipal da declaración de bens e intereses dos concelleiros.



*