domingo, 4 de marzo de 2012

Que faría vostede coa Casa Consistorial de Ordes?

Fachada leste da Casa do Concello de Ordes.

O BNG de Ordes propón unha consulta popular sobre o particular

Os informes técnicos sinalan a existencia de serios problemas estructurais no edificio

O portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, anunciou hoxe que o seu grupo presentará unha moción no vindeiro pleno na que proporán “que se acorde celebrar unha consulta popular, para que os veciños e veciñas de Ordes decidan que solución adoptar para resolver os problemas que ten o edificio da Casa Consistorial, que presenta danos serios na súa estructura”.

Gonzalo Castro informou de que "os técnicos responsábeis da execución das obras de remodelación da Casa do Concello veñen de presentar un informe, que foi analizado pola Comisión de Urbanismo da Corporación Municipal, no que, despois de sinalar a existencia de graves problemas estructurais no edificio, enumeran as posíbeis solucións”.

Tres opcións
O portavoz do BNG sinalou que “de acordo co contido do informe, e co asesoramento dos técnicos, na Comisión de Urbanismo concluiuse que a solución para o edificio da Casa Consistorial pasaría por unha destas tres opcións: un profundo reforzamento da actual cimentación e estructura, a construcción dunha nova cimentación e estructura, baleirando o edificio e deixando só a fachada ou, finalmente, a construcción dun novo edificio cun deseño de fachada idéntico ao actual”.

Castro salientou que desde o BNG “cremos que a decisión sobre que facer coa Casa Consistorial ten unha grande trascendencia, ao tratarse dun edificio de máis de sesenta anos, que ten un valor simbólico innegábel por constituir unha das imaxes máis emblemáticas do noso pobo, por iso, a decisión final de que facer co edificio debe contar coa participación de todos os veciños e veciñas de Ordes”.

Gonzalo Castro, do BNG de Ordes.
As frases de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
“A lei establece que se poderán convocar consultas populares por parte da alcaldía, previo acordo por maioría absoluta do Pleno, sempre que traten sobre asuntos de competencia municipal, que sexan de especial relevancia para os intereses dos veciños, requisitos que se cumpren, sen ningunha dúbida, na consulta proposta polo BNG”

“Desde o BNG sempre consideramos esencial fomentar desde o Concello a participación dos veciños nos asuntos públicos, porque a democracia non se reduce a votar cada catro anos, a democracia exércese no día a día, coa participación da cidadanía nos asuntos que lles afectan”

*