martes, 20 de marzo de 2012

Preescolar na casa, a piques de desaparecer polas restriccións da Xunta de Galicia


Un total de sesenta familias ordenses aínda se benefician deste programa que potencia a lingua e cultura galegas a través do xogo

A Casa da Cultura de Ordes acollerá ata o mes de xuño as actividades do programa educativo Preescolar na casa. Unha iniciativa quincenal na que os rapaces e rapazas de ata tres anos conxuntamente cos seus pais ou coidadores se reúnen coa idea de potenciar a lingua e a cultura galegas a través do xogo e de xeito lúdico. Este tipo de encontros perseguen ademáis ser un punto de encontro para o intercambio de experiencias e  coñecementos centrados nos primeiros anos de vida dos nenos e nenas.

Grazas á colaboración brindada dende o Concello de Ordes un total de sesenta familias benefícianse deste programa que se desenvolve nas escolas unitarias e locais sociais das parroquias de Buscás, Barbeiros, Santa Cruz de Montaos, Poulo, Pereira, Ordes e Mesón do Vento.

Dende 1977
Preescolar na casa ven realizándose dende o ano 1977, unha iniciativa que, informan dende o Concello de Ordes, probablemente finalice de non atopar unha fonte de financiación xa que a Xunta de Galicia reduciu considerablemente a aportación económica ofrecida ata  agora. 

*