miércoles, 28 de marzo de 2012

Gonzalo Castro denuncia "fraude" nas facturas do Concello pendentes de pago

O nacionalista asegura que faltan 400.000 euros da relación remitida a Facenda

O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, denunciou hoxe que o alcalde Manuel Regos "está a cometer unha auténtica fraude coa tramitación das facturas pendentes de pago por parte do Concello a incluir no fondo para o pago aos proveedores”.

Castro sinalou que “para poder acceder ao fondo para o pago aos proveedores, a lei obriga ao Concello a remitir unha relación certificada de todas as obrigacións pendentes de pago ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, antes do 15 de marzo de 2012”.

O portavoz nacionalista lembrou que “esta relación certificada de todas as facturas pendentes debería ter sido levada ao pleno da corporación local, tal e como esixe a lei, para dar conta detallada da mesma, cousa que o alcalde non fixo en ningún momento, intentando esconder esta información, por intereses inconfesables”.

Exame das facturas
O portavoz do BNG lembrou que “o BNG solicitou reiteradamente o acceso á relación certificada remitida ao Ministerio de Facenda, mais finalmente, o único que se lle permitiu pola alcaldia foi examinar múltiples facturas almacenadas en caixas, sen aportarlle copia da relación certificada remitida pola intervención ao Ministerio de Facenda”

Para Castro, esta actitude do alcalde só buscaba un obxectivo “esconder gastos de difícil xustificación, cunha actitude evidentemente fraudulenta, como o demostra o feito de que que nas facturas que se deixaron examinar ao BNG faltaban máis de 400.000 euros con respecto á relación certificada que se ten remitido a Facenda”.

O portavoz nacionalista salientou que “ao pretender esconder facturas, que sospeitamos que serán de difícil xustificación, o alcalde pon en perigo o cobro por parte dos proveedores das facturas legais e totalmente xustificadas, o que constitue un comportamento absolutamente intolerábel”.

*