lunes, 5 de marzo de 2012

A Mancomunidade pídelle 215.000 euros á Deputación para programas de servizos sociais

Os alcaldes da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, esta mañá durante a sesión plenaria.

Celebraranse numerosas actividades co gallo do día da muller traballadora

A quinta Gala do Deporte terá lugar no mes de maio en Oroso 

O pleno da Mancomunidade de Ordes aprobou esta mañá unha declaración institucional co gallo do Día Internacional da Muller Traballadora, que se conmemora este 8 de marzo, e do Día da Igualdade Salarial entre Homes e Mulleres, que se celebrou o 22 de febreiro. Un manifesto que está acompañado dunha decena de actividades divulgativas nos sete concellos da comarca ordense (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo).

Concurso fotográfico, videofórum e xornadas informativas sobre os dereitos da mulleres ou sobre a súa situación laboral conforman o programa de actividades conmemorativas do Día Internacional da Muller Traballadora, que serán posibles grazas á colaboración entre o Centro de Información á Muller (CIM) da Mancomunidade de Ordes e o persoal dos sete concellos da comarca.

Así mesmo, os sete alcaldes da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes aprobaron por unanimidade un manifesto conxunto a prol da igualdade salarial de mulleres e homes. “En España, as mulleres perciben un salario anual medio dun 22% menos que os homes. Debemos tomar as medidas necesarias para eliminar esa fenda, garantindo salarios iguais para postos do mesmo valor”, explicou o presidente da Mancomunidade, Manuel Regos Boquete.

Actividades na comarca
Para poñer as bases para que esa igualdade entre homes e mulleres non sexa unha aspiración, senón un feito, os sete alcaldes da comarca de Ordes adquiriron o compromiso político de traballar a favor dunha igualdade real de oportunidades etnre as persoas, realizando distintas accións informativas e educativas. Algunhas destas actuacións terán lugar ao longo dos vindeiros días. De feito, o programa de actividades previsto nos sete municipios da comarca é o seguinte:

1- Cerceda.
8 de marzo. 19:00 horas. Xornada informativa Os dereitos das mulleres, impartida por Luis Baneira, secretario xeral da Comisión Executiva Provincial FSP-UXT da Coruña. Contará coa participación de persoal do Concello de Cerceda e do CIM, que aproveitarán para presentar esta entidade como recurso de información  e asesoramento á muller na comarca de Ordes.

8 de marzo. Emisión dun programa especial sobre o Día Internacional da Muller Traballadora na televisión e na radio de Cerceda.

2- Frades.
8 de marzo. 19:00 horas. Videofórum, coa proxección do filme En tierra de hombres. Ao rematar a emisión, establecerase un debate moderado por persoal do CIM de Ordes.

3- Mesía.
8 de marzo. 16:30 horas. Xornada informativa Mulleres: formación e emprego, impartida por Luis Baneira, secretario xeral da Comisión Executiva Provincial FSP-UXT da Coruña. Contará coa participación de persoal do CIM, que presentará esta entidade como recurso de información  e asesoramento á muller na comarca de Ordes.

4- Ordes. 
9 de marzo. 20:00 horas no auditorio da Casa da Cultura. Xornada informativa A reforma laboral, principais cambios que afectan aos dereitos e deberes dos/as traballadores/as e a nova regulación do servizo doméstico. Impartida por Luis Baneira, secretario xeral da Comisión Executiva Provincial FSP-UXT da Coruña.

5- Oroso.
8 de marzo. 19:30 horas no centro cultural de Sigüeiro. Xornada informativa A situación laboral da muller en Galicia” e entrega dos premios do II concurso de fotografía Muller Traballadora, coa participación de María del Carmen Liste, concelleira de Muller de Oroso; Nazaret González Martínez, directora do CIM; e Rosa María Ramírez Campos, axente de emprego e desenvolvemento local.

Elaboración dun boletín informativo periódico a través da internet cos recursos e información interesante para as mullleres de Oroso.

6- Trazo.
6, 8 e 13 de marzo. De 20:00 a 22:00 horas na primeira pranta do Concello vello. Xornada informativa Ansiedade e trastornos psicosomáticos, impartido por persoal do CIM de Ordes (prazas xa cubertas).

13 de marzo. 19:15 horas na primeira pranta do Concello vello. Xornada informativa A cotitularidade das explotacións agrarias e a nova regulación do servizo doméstico, impartido por persoal do CIM de Ordes (aberto o prazo de inscrición).

7- Tordoia.
23 de marzo. 10:00 horas na Casa da Cultura. Xornada informativa A cotitularidade das explotacións agrarias e a nova regulación do servizo doméstico, impartido por persoal do CIM de Ordes.

Axudas da Deputación
Por outra banda, o pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes acordou solicitar unhas axudas de 215.000 euros á Deputación Provincial da Coruña para os seus programas de servizos sociais, culturais e deportivos. As maiores dotacións económicas destinaranse aos programas de servizos sociais que presta a Mancomunidade aos municipios da comarca. Neste caso, o pleno solicitou unha axuda de 45.000 euros para o mantemento do Programa de Educación Temperá, que inclúe actuacións para mellorar o desenvolvemento cognitivo, afectivo e de linguaxe de nenos de 0 a 6 anos e rapaces con discapacidade (ata os 14 anos).

Ademais, solicitou outros 40.000 euros para a realización dun programa de Fomento da Igualdade de Xénero, que inclúe a realización de actividades coeducativas especialmente dirixidas á poboación infantil e xuvenil, en colaboración directa tanto cos centros educativos da comarca como coas asociacións de pais e nais.

A gran novidade deste ano será a proposta de realización dun proxecto de sinalización viaria en toda a comarca, que se desenvolvería en varias fases. Así, a Mancomunidade de Ordes solicitará unha axuda de 65.000 euros para poñer en marcha este proxecto que pretende dar a coñecer os recursos naturais e paisaxísticos da comarca ordense.

Gala do Deporte e obradoiros 
Finalmente, o pleno celebrado esta mañá tamén fixou as datas da V Gala do Deporte e da VI Mostra de Obradoiros Culturais da Comarca de Ordes. Así, a quinta edición da Gala do Deporte da Mancomunidade terá lugar no mes de maio en Oroso e nela premiarase aos 35 deportistas ou entidades deportivas máis destacadas durante o 2011 nos municipios de Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo. Por último, a VI Mostra de Obradoiros Culturais da Comarca de Ordes terá lugar en Ordes.

A esta sesión ordinaria do pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes asistiron asistiron todos os alcaldes da comarca: José García Liñares (Cerceda), Miguel Prado Patiño (Frades), Mariano Iglesias Castro (Mesía), Manuel Regos Boquete (Ordes), Manuel Mirás Franqueira (Oroso), Xosé Dafonte Varela (Trazo) e Antonio Pereiro Liñares (Tordoia).

*