Solicitarán a condonación das cotas á Seguridade Social por seis meses e unha liña de financiamento co IGAPE ao cero por cento
Tamén piden o adianto do pleno municipal ao mércores 28 para evitar a folga xeral
A Agrupación Socialista de Ordes presentou esta mañá unha moción para o seu debate na próxima sesión plenaria na que solicita que a adopción de medidas para paliar os danos causados pola seca. O concelleiro socialista Xesús Pedreira explica que “a ausencia de precipitacións nos últimos tres meses supuxo unha reducción na produción forraxeira das explotacións dun 40%, o que obriga a comprar penso e forraxes noutras zonas para alimentar o gando. Isto supón un importante sobrecusto para un sector xa de por si moi castigado pola crise”.
De feito, para unha explotación leiteira media o sobrecusto provocado pola seca ascende a uns cinco céntimos por cada litro de leite producido, o que supón uns gastos de 10.000 euros máis ao ano. “Ordes é un dos municipios máis afectados, debido á importancia que ten o seu sector gandeiro, especialmente nas parroquias de Barbeiros, Lesta, Parada e Vilamaior”, explica Xesús Pedreira, quen indica que “hai moitas explotacións moi perxudicadas e algunhas mesmo perderon toda a forraxe que tiñan”.
Por esa razón, o concelleiro socialista vai solicitar ao pleno a adopción dun paquete de medidas destinadas a tentar paliar esta situación e que implican ás administracións autonómica e central. “As máis inmediatas serían solicitar a apertura dunha liña de financiamento ao 0% a través do IGAPE para a compra de forraxe para alimentación do gando, así como a condonación das cotas da Seguridade Social dos profesionais do sector durante seis meses”, sinala Pedreira Mirás.
Ademais, a proposta dos socialistas ordenses solicita o incremento do límite de axudas baixo o réxime de mínimis ata os 15.000 euros e a convocatoria da mesa do leite, na que se debatería sobre o diferencial de prezos existente entre as explotacións galegas e as do resto do Estado. Finalmente, os socialistas solicitan que a redacción dun convenio coas entidades financeiras para que se poda cobrar a PAC no momento no que se solicita e a publicación da 'Lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria', que deberá incluir a figura do 'árbitro' e un 'prezo de referencia', que se poida aplicar mentres non se alcanza un acordo.
Así mesmo, o concelleiro socialista presentou esta mañá unha solicitude á Alcaldía para pedir que a sesión plenaria prevista para o xoves 29 de marzo se adiante ao mércores 28 de marzo, para non coincidir coa xornada de Folga Xeral convocada a nivel nacional. Xesús Pedreira considera que “é a solución máis lóxica e coherente para que quen queira exercer o seu dereito á folga poida facelo sen ningún tipo de cortapisa por ter que acudir a un pleno, ben como concelleiro, ben como funcionario”.
*