sábado, 31 de marzo de 2012

Adiante con ese crédito por 2,7 millóns de euros

UxO, PSOE e CideGa sacan adiante o plan de axuste do Goberno municipal

A corporación municipal de Ordes celebrou onte dúas sesións plenarias de carácter extraordinario e ordinario. Na primeira delas tratouse o plan de axuste elaborado polo interventor municipal, Javier Siro, ao abeiro do Real Decreto-lei 4/2012, de 24 de febreiro. Os nove votos a favor de UxO, CideGa e PSdG-PSOE supuxeron a aprobación do chamado plan de pagamento a provedores e acredores desenvolvido polo Goberno de España. 

Tanto o BNG como o PP, con oito votos en total, rexeitaron, co seu voto en contra, esta medida. Por parte dos nacionalistas, o seu portavoz, Gonzalo Castro, resaltou que “esta relación certificada de todas as facturas pendentes debería ter sido levada ao pleno e posta a disposición dos membros da corporación municipal con corenta e oito horas de antelación, tal e como esixe a lei”. O BNG propuxo como alternativa que “se habilitase un plan de pagos para os proveedores do Concello, priorizando o pago das facturas xustificadas e "xustificables” das pequenas e medianas empresas, que teñen moita máis prioridade que os  600.000 euros que supostamente se deben a Fenosa, ou os 200.000 que se deben a Sogama, e deixando para o final os gastos de dubidosa procedencia, sobre os que se estudaría a pertinencia do seu pago”.
Ademáis, Castro propuxo unha reducción dos gastos  innecesarios, comenzando polas propias asignacións e dietas dos membros da corporación municipal, coa reducción das reunións da xunta de goberno local e dos membros das comisións informativas, acompañado dun aumento dos ingresos gravando máis nos impostos municipais ás rendas máis altas”.
Boa oportunidade
Pola outra banda, Ana Álvarez, concelleira de Cidadáns de Galicia (CideGa) asegurou que “con esta acción temos unha boa oportunidade para sanear a situación do Concello. Tras revisar as facturas vemos que prácticamente o noventa por cento dos acredores e provedores son de Ordes, e iso é moi positivo”. O portavoz socialista, Xesús Pedreira, asegurou que “nesta decisión vai o futuro de moitas familias de Ordes o que suporá un balón de oxíxeno”. Pedreira tamén criticou o xuro estipulado nun cinco por cento para as administracións locais comparándoo co un por cento que se lle aplica ás entidades financieiras dende a Unión Europea, plantexamento secundado polo alcalde, Manuel Regos.

Pola contra, para o Partido Popular de Ordes “todo isto ven a demostrar a situación tan crítica e delicada que atravesa o Concello, provocada pola nefasta xestión do seu alcalde”, pediendo ademais a dimisión do mesmo para que “sexan outros os que saquen para adiante este plan de axuste”, según palabras do seu portavoz, José Luis Martínez Sanjurjo.

Vinte millóns de investimentos
O alcalde Manuel Regos incidiu nos investimentos que ao longo dos últimos anos recibiu o noso municipio. Cantidades que según os seus cálculos, aproxímanse aos vinte millóns de euros, o que supón máis de mil euros por cada cidadán. Asegurou tamén Regos que na actualidade, a débeda por cada veciño é duns 173 euros, “bastante inferior que a media do resto de Galicia estipulada en 264 euros”, asegurou.

O alcalde de Ordes e os seus compañeiros de partido agradeceron públicamente o traballo realizado polo interventor municipal, Javier Siro, e os técnicos nestes últimos días en relación ó plan. Regos asegurou que se amortizarán varios postos de traballo para sacalo adiante e que non se poderán prestar servizos de maneira gratuíta tal e como se viña facendo en moitos concellos. 

En total serán 2,7 millóns de euros os que o Concello de Ordes solicitará mediante crédito a un interese do cinco por cento e un periodo de carencia de dous anos, para abonar as súas facturas pendentes de pago.

*