domingo, 18 de marzo de 2012

O PP de Ordes di que o novo crédito por 2,7 millóns certifica a "bancarrota" do Concello

Martínez Sanjurjo solicita ao Goberno municipal o acceso á relación de facturas pendentes  de pagamento

Aseguran que a débeda total do Concello coas entidades financieras rondaría entre os sete e os oito millóns de euros

O Partido Popular asegurou onte que o crédito por valor de 2,7 millóns de euros que o Concello de Ordes ven de solicitar ao Ministerio de Facenda, acolléndose ao plan de pagamento a proveedores, acredita a "situación de bancarrota na que a xestión do alcalde Manuel Regos sumiu a este municipio". Tamén, a xuízo dos populares, "recoñece a veracidade das diferentes denuncias formuladas desde hai tempo polo PP cando alertaba das decisións irrresponsables e da delicada situación económica desta institución".

Unha vez aportado ao Ministerio de Facenda o total do valor das débedas municipais a provedores a data de decembro do 2011, o Goberno municipal deberá elaborar un plan de axuste económico que faga fronte a eses pagos. Plan que con anterioridade a ser remitido a Madrid, deberá ser aprobado por maioría en sesión plenaria da corporación municipal. O Ministerio de Facenda outorgaría así, un crédito ao Concello por valor das cantidades previamente acreditadas, cun xuro dun cinco por cento nun máximo de dez anos, dispoñendo de dous de carencia, polo que de ser aprobado, o Concello de Ordes non comezaría a amortizar débeda ata o ano 2014.

Segundo os cálculos feitos públicos polo PP de Ordes, con case que 13.000 habitantes, os 2,7 millóns de euros solicitados supoñen unha débeda de algo máis de 207 euros por veciño. Mentres, por exemplo, o Concello da Coruña solicita, segundo datos publicados polos medios de comunicación, o equivalente a 30 euros por habitante (7,6 millóns de euros para 246.000 habitantes). A análise destes datos, aseguran, "amosannos que en proporción, a débeda do Concello de Ordes é 6,9 veces superior á do Concello da Coruña".

Facilitar as facturas
Así con estas, o Partido Popular de Ordes exíselle ao Goberno municipal que lle facilite "unha relación detallada de todas as facturas pendentes de pagamento". Desglose que o Partido Popular "leva máis de seis meses agardando" pola "reticencia" do Concello a facilitala.

Nun primeiro momento, o portavoz dos populares en Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, solicitou esa relación a través dun escrito presentado ante o rexistro municipal.  Despois, elevou ao pleno municipal ordinario do mes de setembro de 2011 unha moción nese mesmo sentido. Moción que segundo os populares, "foi aprobada, pero incumplida". Sen embargo, aseguran, "nese mesmo pleno, o alcalde Manuel Regos xa avanzou que con independencia de que resultase aprobada ou non, esa moción non sería executada". 

Xa por último, os populares de Ordes recordaron tamén que, ademais deste crédito, o Concello de Ordes leva preto de cinco anos "tirando de créditos bancarios", gozando asimesmo de períodos iniciais de carencia, ata o punto de que a débeda total con diferentes entidades financeiras, sen contar o importe das facturas pendentes de pagamento, "pode rondar entre os sete e oito millóns de euros".

Martínez Sanjurjo.
As frases de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do Partido Popular de Ordes
"O tempo sitúa, sempre, a cada un no seu sitio e, pouco a pouco, vaise descobrindo o verdadeiro alcance da xestión irresponsable promovida polo actual equipo de Goberno de Ordes" 

"O Goberno de Manuel Regos malgastou cartos a mans cheas praticando, como se os cartos públicos non fosen de ninguén, cando realmente estaban xerando un 'pufo' millonario que agora deberán pagar todos os veciños, deixando o Concello hipotecado durante, polo menos, un par de décadas”


*