Estado da estación do tren da Pontraga, na parroquia ordense de Parada, no ano 2008. |
Solicitarán ao pleno que se adxudique, previo concurso, unha licencia de explotación hosteleira no peculiar edificio
Xesús Pedreira: "Estaría situada nun área de lecer dun valor medioambiental extraordinario"
A Agrupación Socialista de Ordes vai propoñer no vindeiro pleno municipal, que terá lugar o vindeiro venres 30 de marzo, a adopción de medidas para poñer en valor a antiga estación do tren da Pontraga, na parroquia de Parada, e así poder abrila ao disfrute dos veciños e veciñas de Ordes. O concelleiro socialista Xesús Pedreira asegura que “esta área de lecer ten un valor medioambiental extraordinario, polo que propoñemos que cara o verán se adxudique, previo concurso, a concesión dunha licenza para a explotación dun establecemento de hostelería sen taxa económica e coa única condición de coidar e preservar o entorno da Estación e abrila para o seu disfrute por parte de todos os veciños de Ordes”.
O edificio da antiga estación do tren da Pontraga data do ano 1929 e está considerado como un dos de maior valor artístico de Ordes. Obra do prestixioso arquitecto Ramón Cortázar, garda a curiosidade de ter unha 'irmá xemelga' na localidade vasca de Azpeitia (Guipúzcoa). Motor da expansión económica de Ordes, o cambio do trazado da vía levou ao total abandono desta estación ata que no ano 2008 foi recuperada en gran medida grazas a dous obradoiros de emprego, subvencionados pola Consellería de Traballo da Xunta de Galicia presidida por Emilio Pérez Touriño.
Grazas a un investimento de máis dun millón de euros e ao traballo de máis de medio cento de veciños puidéronse rehabilitar os edificios existentes na Pontraga, onde quedou unha área recreativa de gran valor. Sen embargo, dende entón o Concello de Ordes non foi quen de darlle un uso a esta estación, onde entre outras utilidades se proxectara facer un gran centro cultural e deportivo. “Actualmente o seu descuido é evidente”, corrobora Xesús Pedreira, “o que levou a moitos veciños de Parada e do resto do municipio a pedirnos axuda aos socialistas para que o traballo feito polos obradoiros de emprego non se deteriore aínda máis”.
Xesús Pedreira. |
Por iso, os socialistas proporán ao pleno municipal que saque a concurso a concesión dunha licenza para explotación dun establecemento de hostelería na estación da Pontraga. Unha licenza que non supoña custe algún para o adxudicatario salvo o de comprometerse a coidar o entorno da estación, situado a carón do río Lengüelle, e abrilo durante o verán para o seu disfrute por todos os veciños e veciñas de Ordes.
Por último, os socialistas de ordes agradecen ao alcalde Manuel Regos que tivese en consideración a súa proposta de aprazamento da sesión plenaria ordinaria de marzo para que non coincidise coa folga xeral convocada para o xoves 29 de marzo.
*