O Partido Socialista de Ordes pedirá no pleno
municipal deste xoves que se solicite ao Goberno a retirada do anteproxecto de
lei de Reforma da Administración Local xa que “pon en xaque os fundamentos do
municipalismo e, con el, a base mesma dun modelo que garantiu a cohesión social
do noso país durante os últimos trinta anos”, explica o voceiro municipal
socialista, Xesús Pedreira.
Así mesmo, solicitará que se abra un proceso de
negociación con todos os grupos parlamentarios e coa FEMP para abordar un novo
marco legal para o mundo local que garanta a autonomía local e os dereitos
sociais dos cidadáns.
Os socialistas de Ordes pedirán a unión de todos os grupos municipais contra unha "lei inxusta" e farán un chamamento a reafirmar a autonomía local e a recoñecer o labor que veñen realizando os concellos, especialmente os máis pequenos.
Xesús Pedreira (PSdG-PSOE). |
As frases de Xesús Pedreira, portavoz municipal do PSdG-PSOE de Ordes
“Todos somos
conscientes da necesidade de aplicar o rigor, a austeridade e a eficiencia na
administración dos recursos pero estes argumentos non se poden utilizar como
coartada para suprimir ou encarecer os servizos públicos”
“Lonxe de atender as demandas históricas dos Concellos sobre unha
reforma das leis e do financiamento local, o Goberno quere deslocalizar e
afastar dos veciños as competencias propias dos Concellos, que nalgúns casos
desaparecerán ao ser traspasadas ás Comunidades autónomas sen recursos
financeiros e noutros casos pasarán ás Deputacións, polo que poderán ser
privatizados co conseguinte aumento das taxas e dos prezos que pagan os
cidadáns”
*