martes, 12 de febrero de 2013

O PSOE de Ordes denuncia o mal estado do firme da rúa do Recreo

Xesús Pedreira: "Non é de recibo que unha obra feita pola Deputación  hai apenas oito meses estea nun estado tan lamentable"

O Partido Socialista de Ordes denunciou hoxe o mal estado de conservación da céntrica rúa do Recreo,  que presenta múltiples fochancas e desperfectos 

As xestións para o arranxo desta importante travesía urbana de Ordes veñen de moi lonxe, concretamente de febreiro de 2008, data na que o responsable de Obras da Deputación da Coruña visitaba a vila de Ordes para comprobar o estado da rúa do Recreo. 

Finalmente, en xuño de 2009 a Deputación comunicaba ao Concello a inclusión desta obra na terceira fase do Plan de Travesías 2009, por un importe de 429.406 euros, se ben a propia Deputación a pospuxo para unha ulterior aprobación aducindo que non existía crédito axeitado e suficiente. 

Finalmente, en outubro de 2010 foi contratada e adxudicada a obra, aínda que foi por un importe moito menor xa que só incluíu o levantado, reposición e pintado do firme desta travesía. 

Compre lembrar que as obras de mellora na rúa do Recreo e nos 1,8 primeiros quilómetros da travesía DP-5903 foron executados pola Deputación da Coruña en maio de 2012, despois de estar case dous anos paralizadas.

Xesús Pedreira (PSOE).
As frases de Xesús Pedreira, portavoz municipal do PSdG-PSOE de Ordes
“Non é de recibo que unha obra feita pola Deputación da Coruña hai apenas oito meses e na que se investiron máis de 120.000 euros estea nun estado tan lamentable

“Non pode ser que unhas obras polas que estivemos máis de dous anos esperando e nas que se investiron tantos cartos estean nun estado tan lamentable en menos dun ano, polo que consideramos que o Concello de Ordes ten que esixirlle á Deputación da Coruña que arranxe de inmediato a situación e faga estas obras en condicións”

*