Os populares reclaman tamén unha parada de autobús na rúa do Mediodía
O Grupo municipal do Partido
Popular de Ordes reclamará no pleno previsto para mañá unha "maior
axilidade" do Concello á hora de arranxar as averías que se presentan no
alumeado público municipal, dado que segundo aseguran, "moitas peticións tardan semanas en ser
atendidas, e así o acreditan os veciños".
Na mesma liña, os populares de
Ordes reclamarán ao alcalde que tome medidas, ou efectúe as xestións necesarias,
para corrixir deficiencias de subministración eléctrica que afectan aos
veciños do lugar da Espenica, onde os picos de tensión poden danar
electrodomésticos e outros equipos eléctricos.
Mellora de sinalización
No pleno de mañá, o Grupo do Partido Popular instará tamén ao Concello de Ordes a efectuar as
xestións oportunas para mellorar a sinalización
horizontal –actualmente e segundo sinalan, é "moi confusa"- no cruce que enlaza a N-550 coa
rolda leste a entrada de Ordes dende Santiago, e coa estrada de Cerceda e co
parque empresarial de Merelle.
No capítulo de rogos, o grupo que
dirixe José Luis Martínez Sanjurjo instará tamén ao Concello a repintar a e garantir a
dispoñibilidade do espazo necesario para unha parada do bus escolar na rúa
Mediodía, na vila de Ordes.
Estrada cortada por un
desprendemento
O Partido
Popular tamén aproveitará o Pleno para reclamar ao Concello que explique se ten
efectuado algunha xestión encamiñada a arranxar os desprendementos rexistrados
hai xa un mes na ponte do Pravo Novo, na estrada que enlaza Meitufe coa Porta
do Nó, e que desde entón permanece cortada ao tráfico, obrigando aos usuarios
habituais a efectuar desvíos de varios quilómetros.
Ao mesmo tempo, o PP de Ordes
preguntará se está previsto convocar por vez primeira en case dous anos o
Consello Local da Emisora Municipal, que segundo os populares, "leva oito meses a espera de reunirse,
mentres ese medio se dedica a ensalzar o labor do equipo de Goberno e a
ningunear e ignorar á oposición".
*