viernes, 8 de febrero de 2013

Hoxe remata o prazo de inscrición no circuíto cultura e deportivo de Ordes


Tamén conclúe a inscrición na excursión a Cantabria

Inscricións na Casa do Concello

Hoxe remata o prazo para inscribirse nas actividades do novo circuito cultural e deportivo organizado dende o departamento de Cultura e Deporte do Concello de Ordes. 

Maquillaxe e coidado persoal, iniciación á xoiería e bisutería, elaboración de xabóns artesanais, arte floral, chikung–taichi, danza oriental, creación de complementos, cociña para principiantes, así como a continuidade dos cursos de cociña xa iniciados serán as actividades que se desenvolvan durante os meses de marzo, abril e maio.

Por outra banda o Concello de Ordes tamén ten aberto xa o prazo para asistir a diversos cursos de formación. Haberá cursos de informática, así cmo de iniciación, nivel medio e avanzado do sistema operativo Windows. Tamén se contará con clases de iniciación a internet e de retoque fotográfico dixital.

O Concello de Ordes ofrece unha serie de bonificacións en todas estas actividades para aquelas persoas interesadas que teñan un grao de minusvalía dun 33% como mínimo, para maiores de 65 anos, así como para os que proveñan de familia numerosa. Os pagos poderán realizarse nunha única cuota ou de xeito fraccionado.

Para apuntarse basta con entregar a ficha de inscrición que se obterá na Casa do Concello e unha fotocopia do DNI. Para máis información pódese chamar ao teléfono 981 680 002, a través da web municipal concellodeordes.com, no Facebook (https://www.facebook.com/concellodeordes)  e Twitter do Concello (https://twitter.com/ConcellodeOrdes) ou mesmamente dirixíndose ao departamento de Cultura e Deporte situado no primeiro andar da Casa do Concello.

Multiaventura en Cantabria
Hoxe conclúe tamén o prazo para os que queiran participar na actividade de acción ‘Multiaventura en Cantabria’ e que teñan entre 18 e 35 anos. 

O Concello de Ordes ofrece a posibilidade de desfrutar dunha xornada no parque multiaventura de Cabuerniga, ademais de poder levar a cabo rutas de sendeirismo e visitas guiadas a localidades como Santillana del Mar, Comillas, Torreavega, San Vicente de la Barquera ou Potes entre outras. 

A viaxe terá lugar do 21 ao 24 de febreiro e o seu custo ascende a 160 euros. Un importe que inclúe tanto o aloxamento nun hotel de 3 estrelas como a pensión completa. 

Aquelas persoas que estén interesadas deben acudir á Oficina Municipal de Información Xuvenil, situada no primeiro da Casa do Concello. Para máis información poden chamar ao teléfono 981 680 002.

*