O portavoz municipal reclama copia de todos os informes técnicos sobre as deficiencias estructurais do edificio
O Partido Popular de Ordes recordou hoxe que ante o "episodio de amnesia que semella afectar ao rexedor", foi o propio alcalde de Ordes, no último Pleno, quen "disparou todas as alarmas" ao "confesar que o edificio da vella Casa Consistorial 'estivo a piques de vir todo abaixo', logo de retirar a tabiquería interior no transcurso das obras que se están a acometer no inmoble".
O seu portavoz municipal, José Luis Martínez Sanjurjo, insistiu en reclamar copia de todos os informes técnicos sobre as deficiencias estructurais que presenta o consistorio. Tamén quixo respostar ao alcalde que o suposto alarmismo cuestionado polo rexedor se combate con transparencia e inmediatez na entrega de documentación, cualidades das que, ao seu parecer, carece o equipo de Goberno local.
Sospeitosa aparición dos problemas
Do mesmo xeito, Martínez Sanjurjo estima "sospeitoso" que os danos estruturais do Consistorio non fosen detectados antes de iniciarse as obras, durante a fase de redacción do proxecto. E máis sospeitoso resulta aínda, lembra, que os problemas aparecen unha vez derribados os tabiques interiores, tal e como confesou o alcalde de Ordes ao respostar a unha pregunta formulada polo PP local no pleno ordinario de novembro, nun derroche de inusitada sinceridade.
A frase de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes
“Resulta grotesco e absolutamente reprobable que, cos impostos de todos, o Goberno local financie obras innecesarias nas oficinas do Concello, mentres falla o alumeado público, hai rúas con notables carencias e as vías de titularidade municipal están case intransitables, por falta de mantemento axeitado nalgúns tramos”
*