lunes, 5 de diciembre de 2011

Os danos son "os propios" dun edificio de máis de medio século

Regos pide ao PP que deixe de crear alarmas "infundadas"


A empresa encargada da rehabilitación da antiga Casa do Concello fará público "en breve" o seu informe


O alcalde de Ordes, Manuel Regos, e o seu equipo de goberno reafírmaronse hoxe no seu xeito de proceder coa remodelación da antiga Casa Consistorial e solicítanlle ao Partido Popular que "deixe de crear alarmas sociais innnecesarias e infundadas" aludindo á seguridade dos seus veciños. 

Actualmente estase á espera do estudo definitivo da análise estructural para acometer as obras de mellora deste inmoble construido nos anos 50. “O afán de cumplir con toda a normativa vixente en materia de seguridade foi o que nos levou a realizar este estudo. Para elo foi necesario derribar falsos teitos, levantar pavimentosou a realización de rozas e catas, entre outras tarefas”, asegura Manuel Regos. 



En calquera caso as anomalías detectadas en primeira instancia na estructura do inmoble non se deben a ningunha neglixencia nin por parte do goberno de Ordes nin da empresa que está a acometer as obras, senón que son as propias que presenta un edificio con máis de sesenta anos de antigüedade cunha escasa capacidade nos forxados, según os técnicos. 


Un aspecto que de maneira clara e aberta Manuel Regos xa comentou públicamente no último pleno celebrado o pasado 24 de novembro. Tanto dende a alcaldía como dende a empresa encargada de levar a cabo dito proxecto, CK Consultoría de Estructuras y Patología de la Edificación, aseguran que en breve poderán facer público o informe definitivo. Será entonces cando se valoren as medidas máis axeitadas e rentables para o municipio. Éstas poderían consistir no vaciado do edificio e a execución dunha nova estructura, ou ben na rehabilitación e reforzo da actual. En calquera caso aseguran que “o edificio non ten perigo de derrubamento aínda que non se realizase ningunha obra e o abramos ao público”, aseguran.


Manuel Regos, alcalde de Ordes.
A frase de Manuel Regos, alcalde de Ordes
“Os políticos temos a obriga de fundamentar as nosas acusacións e denuncias en feitos concretos e non en hipótesis futuras, xa que de non facelo así estariamos incurrindo tanto nunha falta de respeto á veciñanza como nunha falta de profesionalidade no noso exercicio como representantes institucionais”



*