Martínez Sanjurjo asegura que o Concello pretende vender uns tractores e desbrozadoras municipais e logo adxudicar os traballos a unha empresa coa que mantén débedas
O Partido Popular de Ordes fixo público na tarde de onte un comunicado polo que asegura que o Concello de Ordes está a ultimar a venta inmediata de dous tractores e desbrozadoras municipais. A intención do Concello de Ordes con esta operación é, segundo os populares, a de adxudicar "a dedo" eses traballos a unha empresa coa que o Concello "mantén unha elevada débeda económica".
Con esta intención, aseguran dende o PP, o Goberno local trataría de "saldar una boa parte das débedas contraídas" coa citada empresa domiciliada en Ordes. Debedas que aseguran os populares, foron contraídas "especialmente durante a precampaña e a campaña das pasadas eleccións municipais".
Persoal contratado
Tampouco no Partido Popular teñen dúbidas de que a través desta operación, o alcalde Manuel Regos "podería tratar de colocar a dedo", na empresa adxudicataria a "determinadas persoas do seu entorno".
O portavoz municipal do PP de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, denuncia tamén que o acontecido con esta maquinaria municipal é "especialmente sangrante”, dado que polo menos unha das máquinas, asegura, "está fóra de servizo pola falta do mantemento axeitado", circunstancia que causan no impago por parte do Concello das facturas derivadas dos arranxos.
Martínez Sanjurjo tamén asegura que ao Partido Popular lle resulta "chamativo" que, durante os últimos anos, o Concello efectuase a práctica totalidade dos traballos de limpeza de foxos a través dunha empresa externa, malia que posúe dous tractores en propiedade, coas súas correspondentes desbrozadoras.
Durante o pleno municipal ordinario de mes de xullo, o Partido Popular preguntou sobre este asunto, adiantando o alcalde a súa intención de desfacerse dos tractores municipais.
*