jueves, 22 de diciembre de 2011

Castro: "Regos abandoa a escola e a banda de música"

Os nacionalistas manifestan que o Concello leva moitos meses sen pagar os profesores e a limpeza da Escola de Música e un ano sen pagar o convenio coa Banda 


Gonzalo Castro manifestou que “o alcalde de Ordes mantén aos profesores da Escola de Música con dous meses sen cobrar do pasado curso 2010/2011, sen que teñan cobrado tampouco ningún mes do actual curso 2011/2012”.


O portavoz nacionalista salientou que “a situación de abandono á que o alcalde ten condeado á Escola de Música, chega ao extremo de non pagar á persoa encargada da limpeza das instalacións da Escola, que desde o mes de maio non está a percibir ningunha cantidade do Concello, facéndose cargo do pago a esta persoa a Asociación de Amigos da Música de Ordes diante da pasividade do alcalde e o seu goberno para solucionar esta situación”.

Con respecto á Banda de Músca, Castro fixo fincapé en que “o alcalde leva todo o ano 2011 sen pagar ningunha cantidade do convenio suscrito entre o Concello e a Banda de Música, o que está colocando nunha difícil situación a esta entidade, que ten problemas para sufragar os gastos derivados das súas actividades”.

Gonzalo Castro salientou que “os responsábeis da Banda de Música dirixíronse ao alcalde o pasado mes de agosto e pediron unha reunión para buscar unha solución a esta situación, coa proposta de reducir significativamente a cantidade do convenio, pero esta solicitude ainda non foi respondida polo alcalde, nunha mostra do seu desprezo e da súa atitude irresponsábel”.

O Portavoz do BNG lamentou que “o alcalde teña abandonado e discriminado deste xeito a unha entidade que está a facer unha gran labor cultural, e que está a levar e prestixiar o nome de Ordes por moitos lugares, isto demostra a nula sensibilidade deste alcalde coas iniciativas culturais no noso concello ”.

Gonzalo Castro.
Moción do BNG
Gonzalo Castro anunciou que “o BNG presentará unha moción no Pleno de xaneiro na que instará ao goberno municipal a pagar todos os atrasos aos profesores da Escola de Música, á limpadora e á Banda de Música”.

Finalmente, o portavoz nacionalista acusou ao alcalde e o seu goberno de “hipocresía, porque mentres manteñen no máis absoluto afogo económico á Escola e á Banda de Música, o goberno municipal negouse, co apoio do PP, á diminución dos gastos en dietas dos concelleiros, reducindo o seu número nas comisións informativas, algo que propuxo o BNG no Pleno de outubro e que suporía un aforro de 15.000 euros anuais ás arcas municipais, cantidade que costearía o convenio de todo un ano coa Banda de Música”.

*