Instalacións do Centro Comarcal de Ordes. |
Castro: "Esta proposta será apoiada de forma unánime polos grupos municipais por tratarse de instalacións moi demandadas por parte dos veciños e veciñas de Ordes"
Gonzalo Castro, portavoz do BNG de Ordes, anunciou esta tarde que no próximo pleno municipal debatirase unha moción dos nacionalistas, na que se proporá destinar o edificio do Centro Comarcal a local social e de ocio para os mozos e mozas de Ordes.
Cesión da Xunta
O portavoz nacionalista explicou que na moción proporán que “o pleno inste á Xunta de Galiza a cumprir de xeito inmediato o compromiso de ceder as instalacións do centro comarcal ao Concello de Ordes, co acordo expreso de destinalo a local social e de ocio para os mozos e mozas”.
Castro salientou que “as instalacións existentes no centro comarcal levan moito tempo inutilizadas e resultarían moi axeitadas para a dotación dun local social xuvenil amplo e convenientemente equipado, sen apenas custo para as arcas municipais” .
Gonzalo Castro. |
"É necesario fomentar actividades de ocio entre os rapaces entre 12 e 17 anos, que son uns dos grandes esquecidos na actualidade, o que constitue un grave problema para a formación integral das persoas, nun tramo de idade que é especialmente sensíbel”.
“Estas instalacións están a ser moi demandadas por parte dos veciños e veciñas de Ordes, que xa hai case un ano registraron no Concello máis de 1.000 sinaturas coas que solicitaban a dotación un local social xuvenil”
“Esta proposta será apoiada de forma unánime por todos os grupos políticos municipais, xa que se trata dunha actuación moi necesaria para os veciños e veciñas de Ordes”.