viernes, 28 de febrero de 2014

Últimos días para inscribirse no Entroido de Ordes

O concurso de disfraces repartirá este ano máis de 4.000 euros en premios

O próximo luns 3 de marzo rematará o prazo para inscribirse no concurso de disfraces organizado polo Concello de Ordes, e que este ano repartirá máis de 4.000 euros en premios.

O sábado 8 de marzo será do día grande desta celebración tan importante para o municipio, co seu sábado de piñata a partir das 17:00 horas. 

Nesta edición outorgaranse dous premios de 600 e 400 euros ás dúas mellores carrozas. No caso das comparsas os premios serán de 400, 300 e 200 euros para os adultos e de 200, 150 e 125 euros na categoría infantil. 

Os participantes individuais optarán a premios de 175, 125 e 90 euros no caso dos adultos e de 125, 90 e 75 euros para os nenos e nenas. O xurado tamén concederá un premio simpatía de 150 euros, outro de 200 euros á mellor comparsa do municipio e dez premios locais de accésit de 100 euros cada un.

Xurado
O xurado composto por tres membros designados polo alcalde valorarán na súa toma de decisións a orixinalidade dos disfraces, o esforzo do traballo realizado na súa confección e deseño, ademais da posta en escena, a cal non durará máis de 3 minutos.

Para consultar as bases desta convocatoria os interesados poden facelo na páxina web municipal do Concello (www.concellodeordes.com).

Tarde de entroitada

Previamente ao sábado de piñata terá lugar a tradicional ‘Tarde de entroidada’. Unha cita pensada para os máis  novos da casa e que se desenvolverá a partir das 16:30 horas na Alameda de Ordes. 

Alí terán lugar todo tipo de obradoiros, como globoflexia, maquillaxe, máscaras, chapas, ademais de contar con divertidas animacións de rúa. A organización adianta que en caso de chuvia trasladarase todo ao pavillón Campomaior.

*