Pedreira: "A Xunta só utiliza o canon do agua para recadar máis,
e non ten previsto investir nin un só euro en obras en Ordes”
O PSOE de Ordes denunciou onte que a Xunta de Galicia
lles cobrou 125.000 euros aos veciños e veciñas de Ordes en concepto de canon
do auga durante o ano 2013 pero que non ten previsto investir nin un só euro no
municipio.
Os socialistas denuncian que esta nova "discriminación" da Consellería de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio chega nun momento delicado para Ordes en materia de abastecemento e saneamento.
“Se non fose suficiente cos proxectos paralizados pola Xunta, a situación é moi preocupante no caso dos depósitos de auga que abastecen á vila de Ordes, que teñen arredor de 50 anos e que comezan a presentar fendas nas súas paredes exteriores”, lembra o voceiro municipal socialista, Xesús Pedreira.
Neste sentido, o socialista confirma que o deputado autonómico Xosé A. Sánchez Bugallo xa presentou unha iniciativa no Parlamento de Galicia para tratar de conseguir a implicación da Xunta de Galicia na mellora destes depósitos de auga, situados nas proximidades do polígono de Merelle.
Xesús Pedreira (PSOE). |
As frases de Xesús Pedreira, secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes
“Finalmente se confirman os nosos peores temores e se
demostra que a Xunta só utiliza este canon para recadar máis, pero que o
esforzo dos veciños de Ordes non repercute en obras no noso municipio, onde a
Xunta non ten previsto investir nin un só euro”
“A situación é especialmente
grave no caso de Ordes, onde levamos xa varios anos sen ningún investimento da
Xunta pero, especialmente, da Consellería de Medio Ambiente, pero os veciños e
veciñas si que se viron obrigados a desembolsar máis cartos en plena crise
económica. Uns cartos que non sabemos a que municipio beneficiarán, pero o que
si temos claro é que non será Ordes”.