martes, 11 de febrero de 2014

Regos insiste en que os camións non crucen a vila de Ordes

Manuel Regos, alcalde de Ordes. / Arq.
"Existen unha ruta alternativa que é coller da ronda leste con destino ao Mesón do Vento", asegura o rexedor

O Goberno municipal ven de informar que o alcalde de Ordes vén de reiterar unha vez máis a “innecesidade de que o tráfico pesado a partir de 5,5 toneladas que se dirixe tanto á planta de tratamento de Sogama como ao vertedoiro da Areosa atravese o casco urbano de Ordes”. 

Regos insiste “na existencia dun itinerario alternativo marcado polo Concello de Ordes e que no seu día xa se puxo en coñecemento dos profesionais e das administracións afectadas polo corte da estrada de Mercurín”. 

Unha decisión acordada no pleno municipal da pasada semana como consecuencia do gran deterioro que presenta a dita estrada, pendente dun investimento de arredor de 2.300.000 euros, concedido no ano 2009 a través do Plan Míner.

Rolda leste
“Calquera destes vehículos pode coller a Rolda Leste para enlazar co polígono industrial de Merelle e coa N-550 ata chegar ao Mesón do Vento, o cal evitaría que os veciños e veciñas de Ordes tiveran que soportar os inconvenientes que o seu tránsito supón en materia de contaminación ambiental, acústica e na fluidez do tráfico rodado en xeral” puntualiza o rexedor. 

“Xa dende o Mesón do Vento poden chegar directamente á central térmica. Tamén poden coller o desvío situado a man esquerda cara a Orellán para seguir ao encoro de San Cosmade, con dirección a Bailía, para finalizar no vertedoiro da Areosa”. 

Informe da Policía Local
O Concello de Ordes incluso ordenou a realización dun informe por parte da Policía Local para avaliar a conveniencia e a posibilidade de ordenar esta medida, a cal foi asumida tras analizar pormenorizadamente a ruta e estudar a viabilidade do tránsito de camións de gran tonelaxe por este tipo de vías.

 “O arranxo desta estrada é unha cuestión de máxima prioridade para nós debido ao seu estado e ao seu agravamento tras as últimas chuvias. Todo iso unido ás predicións de cara ás vindeiras semanas leváronnos a ter que presentar pola vía de urxencia unha proposta para que a titularidade desta estrada supramunicipal fose asumida pola Xunta de Galicia, co fin de que asumira o custo do seu arranxo”. 

Unha medida que foi rexeitada tanto polo PP como polo BNG e cualificada por Regos de “inconcibible e moi criticable” dado “o coñecemento de primeira man que teñen tanto da situación veciñal como da imposibilidade para solucionar este arranxo por parte das arcas municipais”. 

Deterioro da estrada de Mercurín
“Tal e como vimos denunciando e advertindo dende hai tempo, a estrada de Mercurín padece tal deterioro que de non adoptar esta medida tan drástica en breve nin os veciños e veciñas da zona nin os autobuses escolares nin ningún tipo de vehículo poderían transitar por ela. Unha situación que suporía o illamento total dos centos de veciños e veciñas desta área. Acaso daquela a Xunta vainos escoitar e atenderá o que é de xustiza para a cidadanía?”, asevera o alcalde ordense.

Dende alcaldía vénse reclamando esta intervención dende que no ano 2008 se iniciaran as conversas con Sogama. En 2009 asínase o convenio coa Xunta para a redacción do proxecto. Tras varias reunións e encontros no ano 2011 reitérase unha vez máis á Consellería de Economía e Industria e ao Director Xeral de Enerxía e Minas, Ángel Tahoceso, a necesidade de acometer a obra. 

Informe técnico
Un escrito avalado cun informe técnico e no que o Concello xa advirte da necesidade de ter que restrinxir o tráfico pesado por ela de non obter unha resposta satisfactoria. No ano 2012 o alcalde mantén un encontro con Agustín Hernández, Conselleiro de Medio Ambiente, territorio e Infraestruturas onde se aborda o caso. 

Ao longo de 2013 mantense contacto coa Presidencia da Xunta de Galicia, así como co Instituto para a Reestruturación da Minería do Carbón e o Desenvolvemento das Comarcas Mineiras, sen que ninguén ata o momento anunciara unha solución ou unha nova alternativa ás formuladas dende o municipio. 


Incluso dende o Concello, sendo conscientes da situación económica actual e sempre levados por unha actitude conciliadora e de consenso, en xuño de 2012 elaborouse un novo proxecto de arranxo e mellora que reducía á metade o investimento inicial. A cifra ascendía a pouco máis de 1.200.000 euros, sen que isto supuxera tampouco, tal e como é evidente, a solución.

*