viernes, 28 de febrero de 2014

Agrio pleno onte en Ordes con solicitudes de dimisións

A Corporación Municipal de Ordes, onte reunida en pleno.
O BNG insiste na dimisión de Silvia Marín e Manuel Regos polo caso Pokémon, mentres que o PP considera que Marín debería "sopesar" a sea renuncia

Marín considera que se está a facer un "uso mediático e político" do caso para beneficio do PP

Unha mesa de traballo valorará o deterioro da estrada Ordes-Cerceda

Pediránse axudas á Xunta de Galicia por mor dos temporais

O pleno da Corporación Municipal do Concello de Ordes acordou onte por unanimidade a constitución dunha mesa de traballo entre todas as forzas políticas na que se abordará a problemática derivada do deterioro da estrada supramunicipal de Mercurín

Unha vía á que tamén se poderá adherir o concello veciño de Cerceda de cara á obtención dun compromiso por parte da Xunta de Galicia para unha rápida e eficaz solución desta problemática. 

Estrada de Mercurín
Dende o pasado mes de xaneiro, o Concello ordense prohibiu o tránsito pola vía daqueles vehículos pesados a partir de 5,5 toneladas. Un xeito de evitar que os camións de Sogama continúen incidindo negativamente nesta situación. 

A moción, presentada polo Grupo do BNG, foi aprobada logo de chegar a unha proposta de consenso destes co resto dos grupos municipais. A proposta inicial do BNG contemplaba tres puntos: manter a titularidade municipal da estrada; conformar un grupo de traballo entre as corporacións municipais de Ordes e Cerceda para negociar coa Xunta o arranxo da estrada na vindeira primavera; e revogar a prohibición de circulación de vehículos pesados pola mesma para evitar que pasen polo centro de Ordes.

En aras de conseguir un consenso unánime, o BNG renunciou a manter os puntos primeiro e último, instando ao alcalde, Manuel Regos, a que na vindeira semana se convoque unha reunión entre os portavoces municipais de ambas corporacións para iniciar os traballos de negociación coa Xunta.

“Para nós é inasumible o arranxo e a posta en marcha desta estrada” asegurou o alcalde, “xa que o custo diso suporía ter que dedicarlle o investimento de varios POS sen poder investir en nada máis, de aí que necesitemos chegar a un entendemento”. 

En alusión ao tránsito destes camións polo centro da vila de Ordes, o alcalde explicou que “á empresa de transporte xa se lle indicaron itinerarios alternativos sen necesidade de circular pola rúa do Recreo”. Segundo fontes municipais os camións que atravesan Ordes “non chegan a trinta, e ademais son os que van de cara ao vertedoiro sen nin tan sequera realizar os labores de reciclaxe”. 

Neste punto o PSOE de Ordes adiantou tamén o seu tratamento no Parlamento de Galicia nunha moción que será presentada pola deputada Patricia Vilán.

Axudas polos temporais
Outra das decisións unánimes que se acadaron foi a solicitude á Xunta de Galicia dunha liña de axudas para paliar os danos causados polas últimas cicloxéneses explosivas. Unha medida que tamén se aceptou recentemente por parte de todos os membros da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes

Esta medida foi proposta a través dunha moción presentada polo Grupo Municipal Socialista, que tamén viu prosperar outra solicitude ao Goberno autonómico, a posta en marcha da tarxeta social galega co obxecto da identificación diante de todas as institucións. 

Tamén para favorecer a percepción de todos os beneficios programados polas distintas Administracións a aquelas persoas que teñan dereito de acceso aos servizos sociais, aos beneficios da Lei de Autonomía Persoal e a aquelas persoas con discapacidades.

Tarxeta sanitaria aos retornados
O terceiro dos textos defendidos polo concelleiro socialista Xesús Pedreira insta ao Goberno central e autonómico a que deroguen as disposicións legais que impiden a recuperación da prestación de servizos sanitarios ás persoas españolas emigrantes ao permanecer fóra do territorio nacional máis de 90 días. 

Un aspecto rebatido polo PP ao asegurarlle que “todos os retornados volven dispor da súa tarxeta sanitaria dende o primeiro día que volven ao país”.


Caso Pokémon
O punto álxido da sesión chegou coa negativa da tenente de alcalde de Ordes, Silvia Marín, a dimitir do seu cargo tras as informacións vertidas tras o levantamento do segredo de sumario do caso Pokémon

Marín asegurou que por recomendación do seu letrado e do asesor legal do Concello, e a tenor do artigo 301 da Lei de Enxuizamento Criminal “debo respectar que o levantamento do segredo de sumario por parte do xulgado de Lugo non se refire a que as dilixencias do caso se poidan facer públicas.  

Tal e como expresa a instrutora do caso de cara ás partes implicadas, non se debe facer uso indebido das declaracións xudiciais xa que o proceso está en fase de instrución aínda, puidendo ser prexudicial para a investigación a revelación de datos”. 

A integrante de UxO tamén lamentou o uso mediático e político do caso “para beneficio sobre todo do PP, que sería o gran beneficiado neste caso”. 

Tamén aclarou que “en todo momento o que me motivou da política foi traballar polos veciños de Ordes e axudarlles no que puidera, polo que ningún deles me molesta tal e como se ten dito, e por eles continuarei ao frente das miñas obrigas e responsabilidades como membro deste equipo de Goberno”.

No caso de Ana Álvarez, representante de CideGa e, segundo se fixo público, beneficiaria tamén dun suposto delito de tráfico de influencias, a edil manifestou que “a min ninguén me pediu nada nin eu ofrecín nada”.

A lectura do PSOE
Nesta parte do debate o PSOE manifestou unha vez máis a súa postura de non reclamar ningunha dimisión ata que non se chegue a xuízo oral

“A pesar das descualificacións do BNG, as actas plenarias son claras e os socialistas sempre mantivemos a mesma postura: as dimisións deben estar vencelladas á apertura dun xuízo oral”, explicou Pedreira Mirás, que admitiu que “na sesión do 25 de abril sumeime á unanimidade dos grupos municipais e votei a favor, aínda que na miña argumentación seguín defendendo que só se dimita cando se abra xuízo oral”, asegurou Pedreira.


Ademais, os socialistas lembraron novamente que foron eles os que propuxeran a sinatura dun código deontolóxico, pendente de estudo, para os membros da corporación ordense.

Pedreira explicou que “estamos vendo como políticos aos que se lles esixiu a súa dimisión por ter sido imputados nunha causa, cando remata a investigación xudicial, son exonerados de toda culpa” e preguntouse “como se repararía o dano causado a estas persoas, ás que pretendemos obrigar a deixar o seu cargo, cando os propios xuíces son os que os declaran inocentes”.

Finalmente, Pedreira criticou que “fronte á coherencia do Partido Socialista, neste pleno puidemos comprobar a demagoxia do Partido Popular, que esixe en Ordes o que non lle vale para outros concellos como Santiago de Compostela ou A Coruña”.

A postura do BNG
O portavoz do BNG de Ordes, Ramiro Recouso, sinalou respecto deste asunto que “o levantamento do segredo do sumario do Caso Pokemon revela que a tenente de alcalde está imputada polos delitos de cohecho e tráfico de influencias, por facilitar presuntamente información privilexiada na adxudicación de servizos, por contratación de persoal e por recibir aportacións para sufragar eventos”

Recouso sinala que “na declaración prestada diante da xuíza instrutora do caso, Silvia Marín recoñece ter solicitado a contratación de persoas polas empresas do Grupo Vendex. Xa non só a muller do concelleiro de Cultura senón a tres persoas máis, entre as que se atopa a unha persoa vinculada a membros do grupo político Cidadáns de Galicia. ”

Segundo o portavoz nacionalista, “o sumario tamén desvela que Silvia Marín ofreceu ao Grupo Vendex a posibilidade de concursar ao servizo de Axuda no Fogar da Mancomunidade fora de prazo".

Finalmente, Recouso asegurou que "o feito de non acatar por terceira vez un acordo plenario adoptado pola maioría da Corporación, significa unha violación dos principios básicos da democracia".


A versión do PP
Pola súa parte, José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz do Grupo Municipal do PP de Ordes, manifestou que “o alcalde e a vicealcaldesa de Ordes son escravos da declaración da tenente de alcalde e deben  responder por ela. Lamentablemente, xa están a responder ante a Xustiza, pero deben  facelo tamén ante esta Corporación e ante os veciños”.

Segundo o PP, maila as maniobras encamiñadas a tratar de desvincular ao rexedor  das presuntas irregularidades investigadas no Concello de Ordes, Martínez Sanjurjo amósase convencido de que “o alcalde é igual de responsable de canto ten sucedido neste Concello, porque é o artífice dunha rede clientelar montada en Ordes desde que accedeu á Alcaldía”.

O portavoz popular deixou claro que se ben, en ningún caso pretenden suplantar á actuación da Xustiza, “non imos darlle un voto de confianza nin unha patente de corso, porque moitos veciños están fartos da súa prepotencia -dixo, dirixíndose ao alcalde-, da súa estratexia de ocultación e engano; e da súa forma de xestionar os recursos públicos”.

Da declaración xudicial atribuída á tenente de alcaldesa e publicada en datas recentes nos medios de comunicación, o portavoz popular cuestionou que sinalase que “a veces digo que en este país aún no hay crisis suficiente (...) a veces te veías y deseabas para encontrar a alguien”. Ante esta afirmación, o voceiro popular preguntou como unha persoa responsable pode dicir tal cousa nun concello coma Ordes, con familias enteiras e centos de persoas angustiadas por carecer dun posto de traballo.

Respecto á declaración na que afirmou que na política localno te sacas al vecino de encima”, Martínez Sanjurjo apuntou que a tenente de alcaldesa “recoñeceu explicitamente o que xa sospeitabamos: que lle molestan os veciños e que só lle interesan á hora de pedírllelo voto”.

Antes de concluír a súa intervención, o voceiro municipal dos populares ordenses instou á tenente de alcaldesa a recoñecer os seus erros, pedir desculpas aos veciños, e que sopese presentar a súa dimisión por corresponsabilidade ética co seu cargo.


Pista de Morgade 
Na quenda do PP presentouse unha moción que instaba ao Concello a realizar as obras precisas de mellora e ampliación da pista que comunica O Mesón do Vento con Morgade, na mesma parroquia de Ardemil

Unha medida aprobada por unanimidade e na que o equipo de Goberno incidiu na importancia de analizar e estudar as expropiacións que se deberán levar a cabo para a correcta execución desta obra.

Transparencia
No caso da solicitude de publicar na web todos os procedementos de contratación realizados polo Concello, foi o secretario quen puntualizou o cumprimento coa legalidade establecida. 

Tamén engadiu o inconveniente de aplicar esta medida tal e como formula o Grupo Popular “xa que induciría a erro publicar o inicio dun expediente cando non se van solicitar ofertas”. Finalmente a proposta non foi aprobada.

*