martes, 25 de febrero de 2014

O artista visual Xosé Rivera expón a ‘Beleza oculta’ de Ordes nas paredes do Museo do Traxe


Durante as  vindeiras semanas poderase visitar gratuitamente esta mostra, composta na maior parte por imaxes costumbristas

O Museo do Traxe Juanjo Liñares acolleu o pasado venres 21 a presentación da mostra fotográfica ‘Beleza oculta’. Un traballo asinado polo artista local Xosé Rivera e que amosa escenas da vida cotián da comarca de Ordes, de corte costumbrista, e de elementos da natureza onde se demostra que a beleza e o momento extraordinario abundan nas nosas vidas e no que miramos esquivamente, en palabras do seu autor. 

As fotografías que se exhibirán nas vindeiras semanas son unha selección de traballos realizados ao longo dos últimos anos. Imaxes que pertencen a diversos proxectos visuais, como Celtia, Fotografía Nocturna e Vida Galega

Ademais de localizacións na comarca ordense tamén hai que falar de lugares como a Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, ou a praia das Catedrais, en Lugo.

De esq.a der. Manuel Viqueira, Xosé Rivera e Ramón Vázquez Raña.
Visitantes
O deseñador, fotógrafo, artista visual e comunicador estivo acompañado neste día por veciños, familiares, visitantes e seguidores da súa obra. Entre eles destacaron Manuel Viqueira e Ramón Vázquez Raña, director do Museo do Traxe e concelleiro de Cultura respectivamente. 

Viqueira destacou unha vez máis “a función de apoio para os artistas locais que ten este museo, que pretende converterse tamén nun espazo de exhibición para todos eles, sobre todo para os que dan os primeiros pasos”.

Rivera, durante a exhibición de rebelado e positivado de fotografías.

Videomontaxe
Durante o acto todos os asistentes puideron desfrutar da última videomontaxe realizada polo artista para a cal se tomaron máis de 12.000 fotografías. Un traballo que se centra no Camiño de Santiago, e para o cal se traballou sobre o trazado do Camiño Inglés no seu paso polo concello de Ordes. 

Pero non foi esta a única sorpresa para o público asistente xa que tamén se levou a cabo o rebelado e positivado en papel de varias imaxes captadas polo propio artista na vila de Ordes. Incluso unha delas foi realizada in situ cunha cámara estonospeica

Finalmente algún que outro asistente tivo a ocasión de saír cunha imaxen das expostas baixo o brazo tras descifrar o enigma plantexado por Rivera ao longo deste entretido e original acto de presentación.

*