martes, 6 de agosto de 2013

Preocupación no BNG de Ordes pola posible venta da téxtil Viriato a Florentino

Interior do taller téxtil de Viriato / Arq.

Os nacionalistas temen que a produción poida trasladarse fora do noso municipio, en concreto a Lalín

O BNG de Ordes amosou hoxe a súa preocupación ante o traslado da produción téxtil fora de Ordes, no caso de frutificar as negociacións entre a ordense Viriato, propiedade do holding internacional Grupo Ríos, e o grupo Florentino

Estas conversas inciden en que a produción de Viriato se trasladaría a Lalín, concretamente ás antigas instalacións da firma Florentino, na localidade de O Rodo.

O portavoz do BNG municipal, Ramiro Recouso, lembrou a importancia do sector téxtil en Ordes, industria "moi castigada" pola situación económica actual que provocou "o peche de numerosos talleres de confección" no municipio e a conseguinte a "perda de emprego dun gran número de traballadoras moi cualificadas".

Fundamental para a nosa economía
Os nacionalistas ordenses esperan, que independentemente do resultado do interese amosado por Florentino na adquisición de Viriato, a produción se manteña nas instalacións de Ordes, xa que os postos de traballo que alí se xeran resultan "fundamentais" para economía local e comarcal de Ordes.    

*