martes, 13 de agosto de 2013

O PSOE urxe á Xunta a "mollarse" cos problemas do téxtil ordense


A asociación téxtil de Galicia denuncia que a Seguridade Social e a Axencia Tributaria penalizan aos pequenos talleres 

Xesús Pedreira insta á Xunta “a mollarse e solucionar os problemas do téxtil galego e, en especial, da comarca de Ordes”

O PSOE de Ordes instou onte á Xunta de Galicia a resolver os problemas do sector téxtil galego, recentemente denunciados pola Asociación de Talleres da Industria Téxtil de Galicia nunha carta enviada á Agrupación Socialista de Ordes e ao deputado autonómico socialista Xosé Luís Méndez Romeu

O secretario xeral dos socialistas ordenses, Xesús Pedreira, considera que “a Xunta de Galicia debe mollarse e tratar de solucionar os problemas non só dos pequenos talleres senón do téxtil galego e, en especial, da comarca de Ordes”.

A Asociación de Talleres da Industria Téxtil de Galicia denuncia que a caída do consumo está a afectar aos provedores para os que traballan, o que se traduce nun atraso importante nos pagos aos talleres, que cifran en de 60 a 90 días. 

Isto supón un serio problema de liquidez para poder afrontar os pagos que estes pequenos obradoiros teñen a fin de mes. “Mais o problema máis acuciante e no que si pode entrar de inmediato a Xunta ten que ver cos pagos á Seguridade Social e á Axencia Tributaria”, explica Xesús Pedreira.

Recargo do 3 % ao 20 %
A situación é que o pago dos seguros sociais ten que facerse o último día lectivo do mes. Se o taller non dispón de efectivo e non pode satisfacelos, aplícaselles un recargo do 20%. Un recargo que se aplica dende a chegada de Mariano Rajoy á Presidencia, xa que ata entón o recargo era do 3%

“Por un lado, non cobramos. E, por outro, nos endebedamos máis cada mes, pois se un taller non ten cartos o día 30 para pagar os seguros sociais non é porque non queira, é porque non cobrou, porque o fabricante se retrasou ou porque as facturas non venceron. A can fraco todo son pulgas”, destaca a Asociación na súa misiva.

De feito, dende a Asociación de Talleres da Industria Téxtil de Galicia consideran que ese incremento do 3 ao 20% “parécenos un verdadeiro atraco. Isto representa unha lacra para a pequena empresa imposible de superar e, ao mesmo tempo, un desánimo á hora de contratar empregados”. 

Apoio do PSOE de Ordes
O PSOE de Ordes apoia todas as medidas demandadas pola Asociación de Talleres da Industria Téxtil de Galicia á Xunta de Galicia: bonificacións nas cotas á Seguridade Social, o que conlevaría unha maior contratación, axudas do IGAPE para dispoñer de capital circulante cursos de formación para o persoal en activo que permita cubrir os tres meses que teñen que estar parados cada ano polos cambios de temporada.

Hai pouco máis dun ano, os socialistas esixíanlle á Xunta a elaboración dun Plan Estratéxico para o Sector Téxtil da Comarca de Ordes que contemplase medidas de apoio ao financiamento do circulante e do investimento, así como un fondo de avais específico para o sector téxtil, bonificacións de cotas á Seguridade Social e ter en conta as necesidades de comercialización das empresas do sector. 

Unha proposta que foi rexeitada en varias ocasións polo Partido Popular, que preferiu obviar que entre xaneiro de 2008 e maio de 2012 se perderon 332 empregos no sector téxtil na comarca de Ordes, o que supuxo un terzo da capacidade produtiva da comarca. 

O peor é que o rexeitamento da proposta socialista non veu acompañada dunha proposta do PP, polo que que a situación non fixo máis que agravarse, segundo denunciaron os socialistas de Ordes.

*