viernes, 30 de agosto de 2013

O PP de Ordes denuncia dous postes da luz con risco de caída en Barbeiros

Estado do cruce do accidente, no lugar do Cruceiro de Barbeiros, denunciado hoxe polo PP de Ordes.

Martínez Sanjurjo: "O día a día do Concello de Ordes é puro teatro, ata o punto de que converteron a vella Casa Consistorial nun enorme e carísimo decorado"

O Partido Popular de Ordes informa hoxe de que máis dunha semana despois de se ter rexistrado un accidente no lugar do Cruceiro en Barbeiros, no que a colisión dun vehículo provocou danos estruturais en dous postes do tendido eléctrico, que a xuízo do PP local, "supoñen un perigo para automobilistas e viandantes", o Concello de Ordes continúa facendo "caso omiso da situación e nin sequera se personou no lugar dos feitos".

O Partido Popular de Ordes faise eco, unha vez máis, das denuncias dos veciños que tamén neste caso e sempre segundo o PP, "volven queixarse da deixadez do Goberno local, malia o perigo real destes dous postes".

Ante esta situación de "crecente desidia municipal", o Partido Popular de Ordes insta ao alcalde a que valore o risco xerado neste punto da rede viaria municipal, precinte os postes en caso necesario, sinalice o perigo e xestione a inmediata subsanación do problema.

Martínez Sanjurjo (PP).
As frases de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes 
"Lamentamos que o acontecido en Barbeiros sexa só unha réplica do que con excesiva frecuencia sucede en calquera punto do termo municipal, no que as incidencias se amorean ante a deixadez do Concello"

“Vendo o que sucede a cotío, acredítase que Ordes ten un alcalde que só se dedica a figurar, en lugar de atender ás necesidades e os problemas cotiás do veciños"

"O día a día do Goberno local é puro teatro, ata o punto de que converteron a vella Casa Consistorial nun enorme e carísimo decorado: ben pintado por fora, pero inservible e cheo de refugallos por dentro”

*