martes, 24 de diciembre de 2013

Os socialistas de Ordes reclámanlle á Deputación unha senda peonil no Mesón do Vento


Xesús Pedreira: "Esta senda peonil ofrecería unha maior seguridade aos peóns e ciclistas, que xa teñen sufrido varios atropelos por mor do intenso tráfico pesado"

Os socialistas de Ordes solicítanlle á Deputación da Coruña a construción dunha senda peonil na estrada provincial CP-2405, entre a zona de Orellán de Abaixo e A Brea, nas inmediacións do Mesón do Vento

Trátase dun treito de 1.410 metros de lonxitude que necesita urxentemente a mellora da seguridade vial.

O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, visitou a zona acompañado do deputado provincial e alcalde de Mesía, Mariano Iglesias, representante do PSdeG-PSOE na comisión provincial de Obras. 

A instancias de Pedreira, Iglesias confirmou que presentarán no rexistro da Deputación un oficio para que a Deputación teña en conta a solicitude e valore a súa inclusión nalgún dos plans para a mellora da seguridade vial en estradas provinciais.

Apoio unánime do pleno
Pedreira explicou que a petición desta obra xa fora aprobada pola unanimidade do pleno municipal do pasado mes de xaneiro, sen que o goberno provincial a atendese ata agora. 

Segundo a memoria do proxecto, as obras desta senda peonil precisarían un orzamento de 175.000 euros. Extenderíanse entre os puntos quilométricos 2,240 e 3,650 e emprazaríase na marxe esquerda do vial provincial, en dirección Cerceda

Comezaría por tanto na zona de Orellán, onde remata a beirarrúa xa existente, e chegaría practicamente ata a entrada da central térmica de Meirama, nunha zona na que nos últimos anos se construíron múltiples vivendas unifamiliares.

Xesús Pedreira (PSOE).
As frases de Xesús Pedreira, concelleiro socialista de Ordes
“Esta senda peonil sería moi necesaria porque daríalle continuidade á beirarrúa xa existente desde o Mesón do Vento ata Orellán e ofrecería unha maior seguridade aos peóns e ciclistas da zona, que xa teñen sufrido varios atropelos por mor do intenso tráfico pesado e a carencia de anchura suficiente nos laterais da estrada provincial”

“Ás veces semella que é o traballo dunha única persoa, que é o voceiro e é quen dá a cara, pero detrás hai moitos máis compañeros socialistas que traballan cada día por responder ás necesidades dos veciños e veciñas de Ordes”

*