Tramo da avenida de Alfonso Senra, en Ordes, prácticamente sen beirarrúa. |
Pedreira: "Hai varios puntos da vía onde os peóns se ven obrigados a baixarse á calzada da N-550 para poder circular"
Paloma Rodríguez e Miguel Cortizo, deputados
socialistas pola Coruña, rexistraron o pasado xoves no Congreso dos Deputados unha
Proposición non de Lei coa que instan o Goberno a "acometer á maior
brevidade os traballos necesarios para a substitución do firme da estrada
nacional 550, ao seu paso pola avenida de Alfonso Senra na localidade de Ordes (A
Coruña), así como á remodelación das beirarrúas que a bordean, de forma que se
garanta a seguridade para o tráfico rodado e para os desprazamentos
peonís".
Os deputados levan así ao Congreso unha
reivindicación realizada de forma reiterada nos últimos anos polo grupo
municipal socialista de Ordes e que mesmo contou co respaldo unánime do pleno
municipal celebrado en maio de 2012.
O voceiro municipal do PSdeG-PSOE en
Ordes, Xesús Pedreira, explica que “pretendemos recuperar a avenida de Alfonso Senra
para os veciños e humanizala de tal maneira que as beirarrúas cumpran coa
legalidade vixente”.
Pedreira Mirás apunta que “hai varios puntos da
avenida onde os peóns se ven obrigados a baixarse á calzada da N-550
para poder circular, co perigo que iso supón para a súa seguridade. Un perigo
que se incrementa no caso de que o viandante vaia en cadeira de rodas ou leve
unha silla de nenos”.
A situación é especialmente grave diante do número 143 da
avenida Alfonso Senra e no tramo entre os números 122 e 133, que incumpren o
establecido na Lei 1/1998, de 5 de maio, de Accesibilidade e supresión de
barreiras arquitectónicas, urbanísticas e da comunicación (Artigos 9 e 10).
Insuficiencia de beirarrúas
A Proposición non de Lei sinala que "esta situación de falta de seguridade viaria se
ve agravada pola insuficiencia e deficiencia de beirarrúas para os desprazamentos
peonís".
Sobre este punto, resaltan que as beirarrúas que bordean a N-550
neste tramo presentan un ancho irregular en diversos tramos, ademais de
múltiples elementos de mobiliario urbano e sinalización viaria vertical que
impiden o paso peonil e obriga á utilización da calzada por parte da poboación
que se despraza pola zona.
Para os deputados, "este conxunto de
deficiencias, tanto no firme da N-550 como nos espazos habilitados para os
desprazamentos peonís, producen unha situación constante de inseguridade viaria
e constitúen un forte incremento da accidentalidade" en Ordes.
Xesús Pedreira sinala que “agardamos que
a unanimidade que amosamos os grupos políticos municipais en Ordes a prol da
seguridade viaria dos nosos veciños e veciñas poida repetirse tamén en Madrid”.
*