jueves, 20 de marzo de 2014

O PSOE de Ordes xestiona varios arranxos viais por máis de 90.000 euros

Manuel Regos da o visto bo ás propostas socialistas para a rúa Laranxal, travesía do Regueiro e rúa Carnota 

O PSOE de Ordes conseguiu incluír tres das súas propostas na relación de obras que o Concello de Ordes vai acometer a través do Plan DTC 93 da Deputación da Coruña. Trátase do arranxo con formigón da rúa Laranxal, a reparación da travesía do Regueiro e a reparación e finalización das beirarrúas da rúa Carnota, todas elas na vila de Ordes.

O voceiro municipal socialista, Xesús Pedreira, amosa a súa satisfacción pola aceptación por parte do alcalde, Manuel Regos, das propostas socialistas xa que “se trata de tres obras moi demandadas polos veciños e veciñas de Ordes e suporá un investimento de algo máis de 90.000 euros”. 

Unha cifra que representa máis do 36% do total do Plan DTC 93 concedido a Ordes, que ascende a 246.932 euros.

"Compromiso do alcalde"
Así mesmo, Xesús Pedreira destaca “o compromiso ofrecido polo alcalde de incluír no próximo POS a reparación da pista que vai dende a Fraga da Galicia ata a estrada Ordes-Portodemouro, así como o de mellorar o alumeado público na rúa Laranxal”.

*