miércoles, 5 de marzo de 2014

"Corrupción: entre a percepción e a realidade"

Gonzalo Castro, avogado.
"A solución definitiva a este problema só pode vir da man dunha rexeneración social"

Por Gonzalo Castro*

O recente informe de loita contra a corrupción da Unión Europea, sinala que no Estado Español, un 63 % dos cidadáns -a porcentaxe máis elevada da UE-, considérase afectado persoalmente pola corrupción na súa vida cotiá -a media da UE é do 26 %-, en tanto que o 95 % manifesta que a corrupción é un problema moi extendido -a media da UE é do 76 %-.

Máis alá de percepcións, o certo é que a corrupción cotiá ou de 'menor envergadura' é unha constante que remata con lastrar a eficiencia das Administracións Públicas e a competitividade económica, e datos como que o 52 % dos cidadáns considere que a única maneira de triunfar no mundo empresarial é dispoñer de contactos políticos, ou que o 93 % das empresas considere que o favoritismo e a corrupción obstaculizan a competencia empresarial, certifican a realidade dun problema que ten un custo social de perto de 40.000 millóns de euros anuais no Estado Español. Por situarnos: unha cantidade equivalente a case cinco veces o orzamento da Xunta de Galicia.

Moitas son as receitas que se teñen proposto para abordar este problema: maiores controis e transparencia no financiamento dos partidos políticos, códigos de conducta exhaustivos para os cargos electos, aumentar o control e a fiscalización da contratación pública...


"Posición en beneficio propio"
Pero todas estas medidas quedarán nunha simple declaración de intencións, se non nos damos conta do evidente, que é que durante moitas xeracións se aceptou socialmente como normal aproveitarse da posición en beneficio propio facendo de frases como “Todo o mundo o fai” ou “Non sexas tonto e aproveita” auténticos
leit motiv dos valores imperantes... 

Por iso, a solución definitiva a este problema só pode vir da man dunha rexeneración social, que deberá comezar por formar ás vindeiras xeracións en valores cívicos, democráticos e de xustiza social... cando o ministro Wert nos deixe e se adique a outros menesteres...

*Gonzalo Castro é avogado.

*